A Xunta destina preto de 110.000 euros á licitación dun sistema de cromatografía de gases con destino ao Laboratorio de Metabolopatías de Galicia

A nova Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030 prevé a ampliación do cribado neonatal con 12 novas patoloxías primarias, coa que acadará a cifra de 49

Emprazado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o laboratorio conta cun equipo multidisciplinar que destaca pola abordaxe integral destas patoloxías

As empresas interesadas en participar neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 24 de xullo para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

A Xunta vén de publicar no Portal de contratación da Xunta a licitación da subministración dun sistema de cromatografía de gases con detección por espectrometría de masas de cuádruplo simple, destinado ao Laboratorio de Metabolopatías de Galicia. O Executivo galego consigna unha partida orzamentaria de 108.900 euros para este equipo, a través de fondos europeos.

Esta adquisición inclúese nun proceso de renovación do equipamento das infraestruturas sanitarias do sistema público galego e suporá un avance na realización das probas que se  practican aos bebés galegos, no marco do cribado neonatal da Consellería de Sanidade.

Na actualidade, este programa inclúe a detección precoz de 37 metabolopatías primarias, o que fai que sexa o máis completo de España. Con todo, no marco da nova Estratexia galega en Enfermidades raras 2025-2030, que vén de aprobar a Xunta, ampliarase o cribado neonatal en 12 novas patoloxías, un incremento co que acadará a cifra das 49 enfermidades primarias que se poderán detectar de forma temperá.

Entre xullo do ano 2000 e decembro do 2024, o Laboratorio de Metabolopatías de Galicia analizou as mostras de case 480.000 nenos. Nese período, detectáronse 705 casos con enfermidades que eran obxectivo do programa.

As empresas interesadas en participar neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 24 de xullo para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 09/07/2025