A Xunta impulsa o comercio local co sorteo en directo dos premios da campaña ´Merca no teu Comercio´ na Pobra do Caramiñal e Porto do Son
A Pobra do Caramiñal, 9 de xullo de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá no municipio da Pobra do Caramiñal no sorteo da campaña Merca no teu Comercio, organizada neste concello e no de Porto do Son. As restantes accións da campaña continuarán desenvolvéndose ao longo das 4 provincias, de xeito quincenal e culminando tamén con sorteos ata o próximo 31 de outubro. Esta iniciativa enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio co obxectivo de apoiar a innovación e a revitalización do sector.
Nesta ocasión, os consumidores rexistraron as súas compras na páxina web da campaña ou a través dos propios comerciantes, o que duplicou as opcións de participación e de acceder a unha das 20 tarxetas prepago de 50 euros sorteadas, canxeables ata o 31 de decembro de 2025 nos comercios locais. A maiores deste sorteo —e dos celebrados no municipio lucense de Taboada e no barrio do Couto, en Ourense—, o vindeiro venres 11 de xullo será o turno de coñecer aos premiados no concello pontevedrés de Mos.