A Xunta solta na praia de Esmelle 7 dos 30 polos de píllara das dunas criados en catividade esta campaña no centro de recuperación da fauna de Oleiros

A delegada territorial, Martina Aneiros, participou no acto xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e persoal técnico e representantes da USC e da Sociedade Galega de Historia Natural

A acción forma parte do programa de conservación ex situ desta especie que promove a solta de 30 polos esta campaña, entre as praias de Esmelle e Baldaio

Ferrol, 10 de xullo de 2025

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, acompañadas de persoal técnico e os representantes da USC, Jesús Domínguez e María Vidal, participaron na solta de sete exemplares de píllara das dunas na praia de Esmelle.

Esta acción enmárcase dentro do plan de recuperación desta especie promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a axuda de entidades colaboradoras, como foi neste caso a Sociedade Galega de Historia Natural.

Esta medida de incubación artificial, que ten como obxectivo incrementar a produtividade da poboación local, desenvólvese a través do programa de conservación ex situ que se leva a cabo no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros. No marco deste programa este ano criáronse uns 30 polos de píllara das dunas que, nesta campaña, están a ser liberados nas praias de Esmelle, Baldaio (Carballo) e no Grove. Esta mesma mañá soltáronse sete exemplares en Esmelle, que se suman aos 8 polos que xa foron liberados anteriormente na mesma praia e aos tres que está previsto liberar nun areal do Grove.

Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que se desenvolve dende a Consellería e a implicación do persoal técnico, tanto dos axentes medioambientais como dos vixiantes neste programa da Xunta que, ademais de estar previsto no Plan de recuperación da especie está incluído no Programa de cooperación Interreg España-Portugal (Poctep).

Ademais lembrou que a preservación da flora e da fauna autóctonas forma parte do día a día destes traballadores, cuxo labor principal consiste na protección do patrimonio natural e en eliminar ou advertir os posibles perigos e ameazas que pesan sobre o mesmo. “É fundamental que a cidadanía respecte as sinalizacións e os carteis informativos das praias galegas onde aniña esta especie incluída na categoría de vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, destacou a delegada da Xunta.

O obxectivo desta medida prevista no programa de actuacións do Plan de conservación da píllara das dunas é que aumente a súa presenza no norte da provincia da Coruña, segundo explicou a bióloga da USC, María Vidal Malde. “Desde o inicio deste pioneiro proxecto en 2018 foron liberados un total de 168 polos e tense constatada a súa cría en praias de Ferrolterra, Bergantiños, Costa da Morte, Barbanza, norte de Portugal e, incluso, nesta primavera observouse un exemplar no Mar de Wadden (Holanda), por iso pensamos que é unha estratexia boa liberalos nas praias desta comarca”, sinalou a experta, que aproveitou para destacar que, se ben nos últimos anos criaban en Esmelle unhas tres ou catro parellas, o certo é que este ano están criando sete parellas con bo éxito de polos.

A Xunta de Galicia vén traballando na conservación desta especie a través do plan de recuperación, sendo consciente da importancia deste labor e da responsabilidade que implica o feito de que as poboacións da píllara das dunas na costa cántabro-atlántica estean instaladas exclusivamente en territorio galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025