A Xunta cumpre o seu compromiso con Vigo para construír o futuro Instituto Domingo Villar de Navia
O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada da Xunta, visita o parcela onde se levantará este edificio educativo, “chamado a ser unha referencia en Galicia e tamén en España”, cun investimento de case 20 M€
Unha vez aberta a licitación, as empresas interesadas en executar a obra poderán presentar as súas ofertas ata o 11 de agosto
Vigo, 11 de xullo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou a parcela onde se construirá o futuro Instituto Domingo Villar de Navia para dar mostra do compromiso cumprido da Xunta de Galicia ao licitar a construción deste edificio educativo, “chamado a ser unha referencia en Galicia e tamén en España”, sinalou Román Rodríguez.
Tras a cesión do solar, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licita o proxecto deseñado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. As empresas interesadas en levantar o instituto poderán presentar as súas ofertas ata o 11 de agosto no portal de contratación da Xunta. “Comeza a conta atrás para desenvolver un dos proxectos construtivos no ensino máis importantes de Galicia e, tamén, de España”, destacou o titular de Educación. O proxecto cumprirá todos os parámetros vencellados ao Plan de nova arquitectura pedagóxica, sendo “un referente”, engadiu, tanto desde a perspectiva arquitectónica como desde a funcional.
Cun orzamento de 19M€, o futuro IES Domingo Villar dará resposta aos veciños do barrio de Navia e ás necesidades de escolarización na zona e terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato. Ocupará unha superficie total de case 8.200 metros cadrados, divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca.
A organización espacial será flexible e versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables, na liña dos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así mesmo, o centro contará con foros, espazos polivalentes centrais e comúns que permiten expandir as aulas para poder compartir traballos ou experiencias. O novo edificio será accesible e inclusivo e está pensado para procurar a eficiencia enerxética.