A aposta da Xunta por unha administración máis áxil e eficiente permitiu que os galegos aforrasen en 2024 preto de 21,8 millóns de documentos
O director xeral de Simplificación Administrativa e Patrimonio, José María Barreiro, participou esta semana en Santander no II Encontro de Simplificación Administrativa: Experiencias vangardistas
Os participantes intercambiaron experiencias normativas e solucións tecnolóxicas innovadoras de cara a unha Administración máis transparente e eficiente, capaz de adiantarse ás necesidades da cidadanía
Santiago de Compostela, 12 de xullo 2025
A aposta do Goberno galego por unha Administración máis áxil e eficiente permitiu que os galegos aforrasen en 2024 preto de 21,8 millóns de documentos. Así o puxo de manifesto o director xeral de Simplificación Administrativa e Patrimonio, José María Barreiro, durante a súa participación no II Encontro de Simplificación Administrativa: Experiencias vangardistas, organizado esta semana pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander.
Neste foro deu a coñecer a apertura dun proceso participativo para identificar necesidades de simplificación, analizar trámites e reducir cargas administrativas de preto de 70 procedementos administrativos.
Durante o encontro, no que participaron poñentes do eido da simplificación administrativa de diversas autonomías e da Universidade de Cantabria, así como responsables profesionais da xestión administrativa e do Instituto de Investigación Marqués de Valdecilla, intercambiáronse experiencias normativas e solucións tecnolóxicas innovadoras de cara a unha Administración máis transparente e eficiente, capaz de adiantarse ás necesidades da cidadanía.
Por parte da Xunta de Galicia, José María Barreiro, expuxo as principais liñas que, neste eido, se están a levar a cabo. Así, destacou como a partir dos datos das persoas usuarias de servizos públicos, a Administración galega ofrece de forma proactiva servizos personalizados, axustados ao perfil e circunstancias de cada usuario, adiantándose ás súas necesidades e facilitando o acceso a servizos públicos. Esta medida púxose xa en marcha en varios ámbitos relacionados, por exemplo, coa natalidade ou con sectores como o vinícola ou o gandeiro: Tarxeta Benvida, renovación da licenza de caza e de pesca fluvial, declaración do censo de animais de explotacións gandeiras ou declaración da colleita de uva. Cómpre subliñar a alta satisfacción dos usuarios enquisados, xa que o 86% dos gandeiros e o 98% dos viticultores considérana unha iniciativa boa ou moi boa.
Así mesmo, no eido da contratación pública resaltou que grazas a interconexión da plataforma autonómica coa Plataforma de Contratación estatal, as empresas galegas clasificadas no Rexistro autonómico de contratistas poderán presentarse a licitacións en todo o territorio nacional. A Plataforma de contratación da Xunta permitirá, ademais, coñecer todas as licitacións que afecten ao territorio, con independencia de que o órgano de contratación sexa estatal, autonómico ou local.
José Manuel Barreiro referiuse tamén a aplicación móbil corporativa XuntaEU, que proporciona acceso aos principais servizos da administración dixital galega, incluíndo notificacións, certificados ou tarxetas dixitais; e o uso da automatización robótica de procesos (RPA), que aproveita a intelixencia artificial para sistematizar tarefas repetitivas, automatizar procesos e liberar persoal público para tarefas de maior valor.
Por último, o director xeral de Simplificación Administrativa e Patrimonio da Administración autonómica galega destacou tamén o redeseño da sede electrónica da Xunta empregando unha linguaxe sinxela e accesible para mellorar a presentación dos servizos e a visualización nos dispositivos móbiles.