Román Rodríguez pon en valor o Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa no centenario da chegada do refrator Stenheil a Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reivindica a figura do matemático e o valor científico e divulgador dun centro único no sistema universitario galego

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2025

O  conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa para conmemorar o centenario da chegada a Galicia do refractor Stenheil, un telescopio emblemático empregado nas observacións do Padre Aller. Na celebración tamén asistiu o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

Durante a visita, o conselleiro puxo en valor a traxectoria deste observatorio, símbolo da tradición científica galega e tamén por ser hoxe un espazo de ensino para a investigación. Ademais, subliñou o carácter pioneiro de Ramón María Aller e a relevancia internacional das súas achegas, destacando que instrumentos deseñados por el foron adoptados por centros tan prestixiosos como o Observatorio de París. “Este centenario non só serve para lembrar un fito histórico na astronomía galega, senón tamén para recoñecer un espazo vivo, onde a ciencia se transmite, se investiga e se comparte coa sociedade”, destacou Román Rodríguez.

O Observatorio Ramón María Aller é un centro da Universidade de Santiago de Compostela que fomenta numerosas actividades: desde a investigación científica ata a formación do alumnado universitario e a realización de programas de divulgación científica abertos á cidadanía. O observatorio conta cunha biblioteca especializada de gran valor e cunha estación meteorolóxica que colabora de maneira continuada coa AEMET desde hai máis de tres décadas. Dispón tamén de instrumentación moderna que complementa o legado histórico do telescopio Stenheil, permitindo manter unha actividade científica recoñecida a nivel nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2025