Gómez Caamaño salienta o compromiso do Goberno galego na loita contra o cancro

O conselleiro de Sanidade acompañou os integrantes da Fundación CRIS na iniciativa `Camiño de Raquel´, que desde o pasado xoves percorren os 125 km que separan Baiona e Compostela para dar visibilidade ao cancro de sarcoma

Con motivo do Día Internacional do Sarcoma, a praza do Obradoiro acolleu un acto conmemorativo no que se solicitou máis investigación para esta enfermidade

O Centro de Terapias Avanzadas de Galicia CAR-T e o futuro Centro de Protonterapia converterán Galicia nun referente da investigación e os tratamentos oncolóxicos

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañou esta mañá aos participantes do Camiño de Raquel na súa peregrinación ata a praza do Obradoiro, co obxectivo de dar visibilidade ao cancro de sarcoma e recadar fondos para a súa investigación.

Promovida pola Fundación CRIS, a iniciativa percorreu os 125 quilómetros que separan a localidade de Baiona da capital de Galicia nun máximo de 70 horas e na procura de acadar un dobre obxectivo: por unha banda, cumprir o soño que Raquel, esposa dun dos participantes e paciente de leiomiosarcoma que non puido realizar este camiño como lle gustaría; e, pola outra, recadar fondos para a investigación contra o sarcoma infantil.

O titular da carteira sanitaria da Xunta realizou os últimos quilómetros dunha andaina que comezaba o pasado xoves, 10 de xuño, na igrexa de Santa Liberata de Baiona.  Concretamente, Gómez Caamaño acompañou aos participantes, entre eles os tres homes que perderon moi novos as súas donas como consecuencia dun cancro, no traxecto entre a praza do Mosteiro de Conxo ata o Obradoiro, a quen lle trasladou o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas de loita contra o cancro.

A Xunta segue traballando para converter Galicia nun referente da investigación e os tratamentos contra o cancro, co Centro de Terapias Avanzadas de Galicia CAR-T e co futuro Centro de Protonterapia.

Coincidido co Día internacional do Sarcoma, a praza do Obradoiro acolleu un acto conmemorativo no que se solicitou máis investigación para o sarcoma.

A través da web de Cris Contra el Cáncer promoveuse unha campaña de recollida co obxectivo de destinar os fondos que se consigan ao proxecto de investigación CAR4SAR: ensaio con células CAR-T contra os Sarcomas Infantís, que se está levando a cabo na Unidade CRIS de Terapias Avanzadas no Hospital Universitario La Paz de Madrid.

A Fundación CRIS contra o cancro é unha organización sen ánimo de lucro dedicada á investigación para combater esta enfermidade. Fundada en España, ten como obxectivo principal apoiar proxectos científicos innovadores que melloren os tratamentos e aumenten as posibilidades de cura. A través do financiamento de unidades de investigación e formación de profesionais, CRIS aposta por unha medicina personalizada e por ofrecer esperanza ás persoas afectadas por esta enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2025