A Xunta salienta a aposta do comercio local de Verín pola dixitalización coa implantación da plataforma de atención LoPróximo

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta tarde en Verín na presentación desta iniciativa recoñecida no marco dos Premios do Comercio Galego 2024

Gabriel Alén referiuse á importancia de conxugar a dixitalización cos valores tradicionais e beneficios únicos do comercio de proximidade para incentivar as vendas e salientou o papel das asociacións de comerciantes neste eido

O Plan estratéxico do comercio de Galicia abarca medidas para reforzar a modernización e os apoios ás federacións e asociacións de comerciantes -entre elas os centros comerciais abertos- como instrumentos clave no sector comercial

Verín (Ourense), 14 de xullo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta tarde en Verín na presentación da plataforma de atención dixital do comercio local LoPróximo, que acaba de implantar o CCU AEVER deste municipio e que foi recoñecida no marco dos Premios do Comercio Galego 2024. Trátase dunha ferramenta desde a que os comerciantes van poder atender as solicitudes de veciños e veciñas interesados en atopar, de forma fácil e áxil, os produtos e servizos dispoñibles no comercio local de Verín.

Alí o director xeral puxo de relevo a importancia de seguir afondando nas novas ferramentas dixitais para avanzar na modernización do sector, incrementar as vendas e achegarse a un novo perfil de clientes, innovando o modo no que as persoas se relacionan co comercio local. Neste sentido, LoPróximo busca ser un punto único, áxil e sinxelo con toda a oferta de produtos e servizos que ofrece o comercio da vila para obter asesoramento personalizado ou propostas exclusivas dos establecementos adheridos.

Ademais, Gabriel Alén referiuse á importancia de adaptarse ás tendencias de consumo e de conxugar a dixitalización cos valores tradicionais e beneficios únicos do comercio de proximidade e puxo como exemplo o esforzo do comercio local de Verín neste eido. A isto engadiu o importante papel que xogan as asociacións de comerciantes para dinamizar e incentivar o consumo de proximidade responsable e de calidade.

De feito, o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 abarca medidas para reforzar a modernización e os apoios ás federacións e asociacións de comerciantes -entre elas os centros comerciais abertos- como instrumentos clave de consolidación do sector comercial. Esta folla de ruta do comercio galego busca consolidar un modelo comercial máis moderno, sostible e adaptado ás novas demandas da clientela e do territorio.

Funcionamento LoPróximo

A plataforma LoPróximo é sinxela, intuitiva e accesible en https://loproximo.com a todas as persoas interesadas en atopar as propostas ou asesoramento especializado do comercio local de Verín. Basta con describir por escrito o que se está a buscar para recibir as propostas a medida elaboradas polos comerciantes locais. Unha vez seleccionada unha proposta, a persoa cliente poderá acudir directamente ao establecemento para realizar a compra, ou acordar co comerciante calquera outra modalidade de entrega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2025