Rueda anuncia que a Xunta abre a consulta pública o anteproxecto de decreto sobre contaminación por nitratos de orixe agraria
Rueda urxe ao Goberno central que remate os estudos necesarios para declarar zonas vulnerables por presenza destes compostos, unha designación que só se debe facer se se acredita que a contaminación é producida por fontes agrarias dun xeito significativo
Malia non contar aínda con estes datos, Galicia avanza xa na tramitación da normativa necesaria que aporte seguridade xurídica no caso de ter que declarar estas zonas
A conselleira do Medio Rural resalta que o decreto contempla “a elaboración dun Plan autonómico de xestión integral dos excedentes das dexeccións gandeiras”, unha rede autonómica de instalacións para a eliminación e transformación destes residuos e a elaboración de “códigos de boas prácticas” para reducir a contaminación
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou “a apertura da consulta pública” do anteproxecto do decreto que regulará “as actuacións para reducir e evitar a contaminación por nitratos de orixe agrario en Galicia”.
Nesta liña, lembrou que a normativa europea “obriga aos Estados a controlar o nivel de nitratos que hai nas augas procedentes da actividade agrícola” e declarar zonas vulnerables aquelas nas que se sobrepasen os límites permitidos e nas que se acredite que son os nitratos de orixe agrícola os que contribúen significativamente á contaminación. Para iso, tal e como indicou Rueda, Galicia “reclamou varias veces ao Goberno central” os estudos necesarios para acreditar que cantidades deste composto proceden da actividade agrícola e cales doutras fontes.
Pese a non contar aínda cos informes definitivos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Xunta de Galicia adiántase nas xestións e inicia a tramitación da norma. Entre outras cuestións, o citado decreto determina o procedemento de declaración de zonas vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agraria. O Consello do Goberno Galego tomou hoxe razón do acordo de inicio e consulta pública deste anteproxecto.
Tal e como explicou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a día de hoxe en “Galicia non se teñen declarado zonas vulnerables” porque en ningún documento do Ministerio se identifica como principal causa de contaminación por nitratos a de orixe agraria, cuestión que debe quedar recollida nos correspondentes informes. Así, o informe de presións e impactos atópase actualmente en fase de elaboración por parte do Goberno central, pese ás esixencias realizadas en varias ocasións por parte da Xunta para contar cos datos definitivos canto antes. Por tanto, actualmente non se conta cos informes concluíntes sobre as presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas. Malia todo, o Goberno galego avanza na tramitación deste anteproxecto de decreto para traballar con anticipación e previsión. De feito, a titular de Medio Rural destacou que “desde o Goberno galego damos pasos en firme para, ante todo, dotar de seguridade e certezas ao sector agrogandeiro, un dos piares económicos do noso rural”.
Ademais, tal e como indicou a conselleira, esta norma tamén inclúe outra serie de medidas como a elaboración “dun Plan autonómico de xestión integral dos excedentes das dexeccións gandeiras”, “a regulación da Rede autonómica integrada de instalacións de eliminación e valorización destes residuos” ou a creación de “códigos de boas prácticas” nas zonas vulnerables para reducir a contaminación.
Procedemento de declaración e Plan de xestión das dexeccións
Así, en relación co procedemento de declaración de zonas vulnerables resulta imprescindible a acreditación da orixe agraria da contaminación por nitratos, consonte á normativa de aplicación e á sentenza de 14 de marzo de 2024 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O estudo de presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas, que está a elaborar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que neste momento aínda non está concluído é a ferramenta que permite determinar a orixe agraria da contaminación.
Así mesmo, teranse en conta os estudos dos organismos de conca correspondente ou de Augas de Galicia, segundo proceda en cada caso. A designación esixirá sempre a previa acreditación no expediente de que os nitratos de orixe agraria contribúen significativamente á contaminación das augas afectadas, en consonancia co establecido na normativa europea de aplicación.
Na norma recóllese tamén que a Consellería do Medio Rural poderá elaborar un ou varios códigos de boas prácticas agrarias, que terán en xeral a natureza de recomendación, pero que serán de obrigada aplicación nas zonas vulnerables; e poñeranse en práctica programas de actuación para previr e reducir a contaminación, sempre tendo en conta a información científica de que se dispoña, que se revisarán cada catro anos.
Sobre o Plan de xestión das dexeccións gandeiras, determínanse como obxectivos os de contribuír a reducir a contaminación por nitratos ao mesmo tempo que se asegura a continuidade da actividade gandeira nas zonas vulnerables e fomentar a economía circular, mediante a xeración de biometano e fertilizantes.
Rede autonómica de plantas de tratamento
No que atinxe á rede de instalacións de eliminación e valorización das dexeccións gandeiras, no decreto establécese que a Consellería de Economía e Industria poderá promover esta actividade a través destas plantas.
A localización das plantas atenderá a factores como o mellor servizo ás explotacións das zonas vulnerables, a ausencia de iniciativas privadas de tratamento nesas áreas, a proximidade ao lugar de xeración dos residuos, os custos do transporte, o chan dispoñible e as distancias a depuradoras e gasodutos.
Contexto da normativa europea e estatal
Este anteproxecto de decreto responde ao establecido pola normativa sobre nitratos da Unión Europea, que impón aos Estados membros a obriga de identificar as augas que se atopen afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agraria, cuxas concentracións deberán ser vixiadas nunha serie de estacións de mostraxe. Por outra banda, establece tamén a obriga de designar como zonas vulnerables todas aquelas superficies do territorio cuxa escorrentía contribúa á referida contaminación, e de examinar e, se procede, modificar ou ampliar as zonas vulnerables designadas, como mínimo cada catro anos, a fin de ter en conta cambios e factores non previstos no momento da designación anterior.
En execución desta lexislación comunitaria, a normativa estatal prevé que corresponde ás comunidades autónomas designar como tales zonas vulnerables aquelas superficies coñecidas do seu territorio cuxa escorrentía flúa cara ás augas afectadas pola contaminación por nitratos e que contribúan, aínda que sexa minimamente, á súa contaminación.
Para levar a cabo esta declaración, as comunidades autónomas deben basearse no estudo das presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas que o citado Ministerio debe elaborar cuadrienalmente.
Nesta liña, Rueda lembrou que se trata dun asunto clave xa que “ten grandes repercusións para o sector agrogandeiro”. “O sector é o primeiro interesado en prácticas sostibles e respectuosas coa contorna”, indicou a conselleira, quen reclamou ao Goberno “rigurosidade, axilidade, criterios claros e adaptados á realidade galega” á hora de fixar os criterios para declarar unha zona vulnerable por nitratos.