O 58% dos ciclos de FP ofertados en Galicia para o próximo curso complétanse na primeira adxudicación de prazas

Confírmase de novo un máximo histórico de 56.049 solicitudes, un 3,5% máis que o pasado curso, o que consolida o interese que espertan estas ensinanzas en Galicia

Constátase unha especial demanda nos másteres e na Formación Profesional Básica

As persoas adxudicatarias teñen de prazo ata este venres, día 18, para realizar a matrícula

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

O 58% dos 855 ciclos de Formación Profesional ofertados para o próximo curso en Galicia complétanse na primeira adxudicación de prazas pechada onte pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e que dá dereito a matricula.

Segundo os datos recabados, un total de 56.049 persoas presentaron solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional, o que representa un incremento do 3,5% (1.898 solicitudes máis) con respecto ao curso 2024-25, e supón acadar de novo un máximo histórico que confirma o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia.

O incremento máis acusado concéntrase nos másteres de FP, que medran un 28,8%, con 1.352 solicitudes recibidas. En segundo lugar atópase a FP Básica, cun crecemento do 13,6% ata acadar as 3.432 solicitudes. Esta dinámica alcista está aliñada cun dos obxectivos do Plan FPGal360 de reforzar a FP Básica como unha vía para a capacitación profesional de persoas que abandonaron o sistema educativo no seu momento ou que pertencen a colectivos máis vulnerables, garantíndolles unha oferta ampla e variada para que poidan acceder a unha mellor formación e cualificación e, paralelamente, reducir o abandono temperá.

Cómpre tamén destacar as solicitudes dos ciclos medios ordinarios, con 13.011 peticións (705 máis e un aumento do 5,7%), que se trata de formacións de técnicos dos oficios máis demandados e aos cales tamén teñen acceso os estudantes que rematan os ciclos básicos. Para os ciclos ordinarios de grao superior houbo 15.250 solicitudes (+1,3%), mentres que a FP Dual Intensiva de grao medio crece un 2,5% con 1.259 peticións.

Dos 855 ciclos totais ofertados en réxime ordinario xa están completos 496 (o 58,01%), mentres que en outros 359 quedan prazas vacantes de cara ás vindeiras adxudicacións. No caso dos ciclos de grao medio esgotaron prazas un total de 238 ciclos (55,61%) mentres que 190 aínda dispoñen de prazas. En grao superior, 258 (60,42%) cubriron prazas, mentres que 169 aínda dispoñen de vacantes para as sucesivas adxudicacións.

Réxime ordinario

Grao Medio

Grao Superior

TOTAL

Ciclos completos

238 (55,61%)

258 (60,42%)

496 (58,01%)

Ciclos con vacantes

190 (44,39%)

169 (39,58%)

359 (41,99%)

TOTAL

428

427

855

Reparto por provincias

 

Grao Medio

Grao Superior

Total

PROVINCIA

Ciclos completos

Ciclos con vacantes

Ciclos

completos

Ciclos con vacantes

 

A Coruña

104

63

123

62

352

Lugo

15

46

15

36

112

Ourense

21

26

18

18

83

Pontevedra

98

55

102

53

308

TOTAL

238 (55,6%)

190 (44,4%)

258 (60,42%)

169 (39,58%)

855

Cómpre ter en conta que cada persoa pode presentar solicitude ata en catro prazas en ciclos ordinarios, FP Básica e másteres. No réxime de persoas adultas, tanto presencial como a distancia, pode haber ata catro peticións por centro e ciclo con ata 10 módulos cada unha.

Entre os ciclos máis demandados atópanse os das familias de Sanidade, onde o 100% das prazas xa foron cubertas nesta primeira adxudicación, de Actividades físicas e deportivas e de Imaxe e son.

Matrícula

Ata ao 18 xullo ás 13,00 horas o alumnado deberá confirmar ou renunciar a praza adxudicada, xa que de non facelo quedará excluído do procedemento. Froito desta posibles renuncias, é posible que ciclos que neste momento figuran como completos, a partir do día 18 pasen a dispoñer de prazas dispoñibles, aínda que a maioría dispoñe de persoas en listaxe de agarda.

A segunda adxudicación de prazas será o día 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Logo das tres adxudicacións, que este ano por primeira vez se concentran en xullo co fin de axilizar o proceso, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.

Data de actualización: 16/07/2025