Román Rodríguez destaca a relevancia do traballo do IDEGA para o desenvolvemento de Galicia nos últimos 50 anos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa, xunto á reitora da USC, no acto conmemorativo das cinco décadas do centro

Pon en valor o seu carácter interdisciplinar, con investigadores de diferentes áreas que traballan xuntos co obxectivo común de mellorar o futuro da Comunidade

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, participou esta mañá no acto de conmemoración do 50 aniversario do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), un centro do que destacou a relevancia do seu traballo para o desenvolvemento da Comunidade nas últimas cinco décadas, “na súa mellora cuantitativa e cualitativa”.

Neste sentido, sinalou o labor do centro para adaptar Galicia aos grandes cambios producidos neste período, subministrando información e coñecemento para que se acertara na aplicación de novas políticas públicas, en base a evidencias científicas. “O IDEGA tivo un papel moi relevante e foi evolucionando ao longo do tempo ata ser hoxe unha institución de referencia no ámbito das Ciencias Sociais”, incidiu. 

Román Rodríguez puxo en valor, ademais, o carácter interdisciplinar do IDEGA, no que traballan xuntos investigadores de diferentes áreas” cun obxectivo común, o de coñecer mellor a Galicia, o que somos e as nosas dinámicas. Coñecer o presente e, sobre todo, intentar identificar como pode ser o futuro para aportar ferramentas que nos sirvan para melloralo”, afirmou.

O conselleiro felicitou o centro pola súa traxectoria e lembrou a súa relación persoal co IDEGA, no que foi investigador, realizou a tese, e onde gañou a súa primeira remuneración realizando cartografías. “Estou moi orgulloso e moi agradecido do meu paso por este Instituto”, aseverou.

Cómpre salientar a presenza no IDEGA de investigadores distinguidos, recoñecidos internacionalmente, como o profesor Copeman, que acaba de obter unha prestixiosa bolsa Advanced Grant do Consello Europeo de investigación e está contratado neste centro a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia. Isto é unha proba de que contamos cun talento investigador de primeiro nivel, capaz de competir e de gañar no contexto internacional máis esixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026