A Xunta licita por preto de 1,3 M€ a contratación dos servizos para crear un modelo de atención personalizada en rede que evitará desprazamentos a pacientes pediátricos con enfermidades raras
Galicia participa no proxecto Únicas, que permitirá crear unha rede de nodos autonómicos para que todos os pacientes pediátricos con enfermidades raras teñan acceso aos profesionais do centro de referencia da súa patoloxía
Esta medida enmárcase na Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, para potenciar a accesibilidade á rehabilitación e a novos tratamentos
Melloraranse os tempos ata o diagnóstico e gañarase en equidade asistencial, cunha diminución do impacto que teñen as visitas médicas fóra de Galicia para pacientes e familias
A Consellería de Sanidade habilitará unha canle en Sergas Móbil na que o paciente, un familiar ou coidador dispoña da súa historia clínica completa, independentemente da comunidade na que foi atendido
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025
O Goberno galego, por medio da Consellería de Sanidade, vén de licitar por 1.290.634 euros os servizos que permitirán crear un modelo de atención personalizada en rede con todo o Sistema nacional de saúde, denominado proxecto ÚNICAS, que evitará desprazamentos a pacientes pediátricos con enfermidades raras aos centros de referencia da súa patoloxía específica.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas nesta licitación remata o 14 de agosto.
Esta medida enmárcase na Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, co obxectivo de potenciar a accesibilidade á rehabilitación e a novos tratamentos.
Galicia é unha das comunidades participantes no programa de Atención dixital personalizada, que inclúe o proxecto ÚNICAS. Esta iniciativa céntrase en ofrecer servizos personalizados a pacientes de enfermidades raras pediátricas e ás súas familias.
A finalidade da plataforma ÚNICAS é que todos os pacientes con enfermidades raras teñan as mesmas oportunidades de atención e tratamento, vivan na comunidade na que vivan.
Desde calquera nodo da rede ÚNICAS, incluído o galego, posibilitarase a atención a estes pacientes cunha asistencia equivalente á dun centro de referencia da súa patoloxía. Polo tanto, non terán a necesidade de desprazarse, excepto en casos de necesitar terapias intervencionistas.
A estratexia nacional baséase en crear unha rede de nodos e dotalos de ferramentas, procesos e protocolos comúns para establecer un modelo de atención personalizada en rede.
Expediente completo do proceso asistencial
Entre os servizos que contratará a Consellería de Sanidade está a definición das interfaces requiridas para facer interoperable o nodo autonómico cos sistemas de información do Servizo Galego de Saúde, como son a aplicación persoal Sergas Móbil, a carpeta É-Saúde e a historia clínica electrónica IANUS 5.
A plataforma resultante permitirá crear a canle ÚNICAS en Sergas Móbil e en É-Saúde para que pacientes, os seus familiares ou a persoa que se encargue do seu coidado dispoña do expediente completo do seu proceso asistencial, independentemente de que centro de referencia estatal se encargara do seu caso.
Ademais, con ÚNICAS 360, os profesionais do Servizo Galego de Saúde terán en IANUS 5 unha visión integral de cada paciente, podendo obter toda información relacionada coa súa historia clínica, independentemente de onde se atope almacenada xeograficamente.
Desta forma, evitaranse desprazamentos que non sexan estritamente necesarios para os pacientes e isto contribuirá a mellorar os tempos ata o diagnóstico.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Galicia ocupa unha posición de vangarda a nivel nacional no que atinxe á detección temperá deste tipo de doenzas. O Programa galego de cribado neonatal permite detectar 37 metabolopatías conxénitas primarias, o maior número dos sistemas sanitarios autonómicos.