A Xunta financia con 150.000 euros cinco microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

A resolución inclúe axudas a cinco organizacións non gobernamentais para financiar microproxectos en Guatemala, República Dominicana, Ruanda, Costa de Marfil, Perú e Bolivia

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2025

A Xunta destinará 150.000 euros a financiar cinco microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, como se recolle na resolución da orde de subvencións destinada a este fin.

En total, serán cinco as organizacións non gobernamentais beneficiarias desta convocatoria, realizada en réxime de concorrencia competitiva. En concreto, as entidades que recibirán axudas son: Beyond Suncare, que opera en Ruanda; Cooperación Internacional, en Guatemala; Asociación CIDEL Galicia, con actuacións en República Dominicana; Asociación Egueire, en Costa de Marfil; e a Asociación Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal), que participa en diversas actuacións en Perú e Bolivia.

Os proxectos beneficiados engloban accións que mellorarán a saúde dermatolóxica e mental a persoas con albinismo, fortalecerán o liderado xuvenil e a articulación comunitaria na loita contra a violencia de xénero, mellorarán aulas de oito escolas, mellorarán a atención integral a mulleres e neonatos durante a maternidade e fortalecerán a xestión de emerxencias transfronteirizas.

Os microproxectos son aquelas intervencións puntuais de limitada intensidade e de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.

Data de actualización: 20/07/2025