A Xunta reforza os vencellos culturais coa mocidade galega do exterior a través dunha nova edición do programa ‘Conecta con Galicia no Camiño’
O secretario xeral da Emigración e a directora xeral de Xuventude recibiron esta mañá aos galegos e galegas do exterior participantes nesta iniciativa que chega á súa 35 edición sumando xa 3.500 participantes
Realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, o programa permitirá que mozos e mozas de entre 18 e 21 anos procedentes de sete países poidan percorrer a ruta xacobea entre o 19 e o 31 de xullo
Vigo, 19 de xullo de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, deu esta mañá a benvida no aeroporto de Vigo ao grupo de participantes na 35ª edición do programa Conecta con Galicia no Camiño, unha iniciativa autonómica que suma xa máis de 3.500 mozos e mozas galegos do exterior beneficiarios ao longo da súa traxectoria.
Organizado pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, o programa ofrece a preto de 100 mozos e mozas galegos de entre 18 e 21 anos, procedentes de sete países, a oportunidade de coñecer Galicia a través da experiencia do Camiño de Santiago, que completarán entre os días 19 e 31 de xullo.
O obxectivo principal desta iniciativa é fortalecer os vínculos da mocidade galega do exterior coa súa terra de orixe, promovendo o contacto coa súa cultura, historia e realidade actual. Para moitos dos participantes, trátase da primeira vez que visitan Galicia e se reencontran coa terra dos seus devanceiros.
Durante a súa estadía, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Altamar, en Vigo, e Florentino López Cuevillas, en Ourense, ambas xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde alí, realizarán un tramo de máis de 100 quilómetros a pé do Camiño de Santiago, xa sexa polo Camiño Portugués ou pola Vía da Prata, dependendo do lugar de aloxamento.
Ademais do percorrido xacobeo, o programa inclúe actividades complementarias para achegarlles o patrimonio cultural galego, a situación socioeconómica e o funcionamento do sistema universitario da comunidade autónoma, ofrecendo unha visión completa da Galicia actual.
Unha vez rematada a experiencia, os mozos e mozas que así o desexen poderán prolongar a súa estadía en Galicia ata 15 días máis, co fin de fortalecer os lazos familiares e seguir explorando as súas raíces.