A Xunta convoca as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no prazo dun mes a partir de mañá e os exames celebraranse na derradeira quincena de outubro en día laborable

Haberá probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas en diferentes mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, para este ano. Dáse así cumprimento ao establecido no Real Decreto 97/2014, que obriga ás empresas que transporten mercadorías perigosas ou efectúen operacións de carga ou descarga ligadas a tal actividade a dispoñer dun conselleiro de seguridade que posúa unha formación profesional adecuada.

Celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas segundo o tipo de mercadorías: materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras. As persoas aspirantes poderán optar a unha ou varias das probas convocadas, tanto á modalidade de transporte por estrada ou por ferrocarril, como para unha das especialidades citadas.

Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes a partir de mañá. A documentación necesaria deberá achegaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Os modelos de formularios necesarios estarán dispoñibles tamén na sede electrónica.

Os profesionais e persoas que precisen dispoñer deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes.

A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas constará de dous exercicios. O primeiro consiste en responder 50 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, e o segundo, correspondente á parte práctica, céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente e na que poderán consultar textos normativos.

Esta última proba poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal. O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de unha hora para cada unha das partes.

Os aspirantes á obtención do certificado deberán presentarse as dúas probas, test e suposto práctico. Pola súa banda, os aspirantes á renovación do título realizarán unicamente a proba tipo test.

Os exames celebraranse na última quincena do mes de outubro e a data ou datas de realización, así como os cadros de horarios acordados polo tribunal, publicaranse no DOG cunha antelación mínima de quince días naturais.

Esixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva europea 2008/68/CE exíxelles ás empresas que transporten mercadorías perigosas ou efectúen operacións de carga e descarga dispoñer polo menos dun conselleiro de seguridade encargado de contribuír á prevención dos riscos que implican estas actividades. O mesmo recolle o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro. De feito, as materias obxecto de exame son as previstas neste real decreto e que estean en vigor á data de publicación da convocatoria.

Ademais, o Real decreto 97/2014 establece que, para exercer as funcións de conselleiro de seguridade, o conselleiro deberá superar previamente un exame sobre as obrigacións que lle correspondan e as materias que lle sexan aplicables na normativa sobre mercadorías perigosas. Así, a superación destas probas habilita para exercer a actividade de conselleiro de seguridade en empresas de todo o territorio nacional.

Data de actualización: 22/07/2025