O delegado lembra que os establecementos hoteleiros aínda se poden adherir ao Bono Turismo nunha visita ao Hotel Castro do Balneario, en Cuntis
Na provincia de Pontevedra hai preto de 90 establecementos adheridos á campaña
Turismo de Galicia investiu un millón de euros nesta iniciativa e espera mobilizar 2.5 millóns
Os 16.666 bonos descargados poderán utilizarse dende o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano
Cuntis, 22 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Hotel Castro Balneario, no concello de Cuntis, un dos establecementos adheridos ao programa do Bono Turismo.
O delegado destacou os resultados desta campaña que esgotou os máis 16.666 bonos descargables en apenas tres días e lembrou que os establecementos aínda están a tempo de participar nesta iniciativa na que Turismo de Galicia inviste un millón de euros e que mobilizará 2.5 millóns.
Cabe destacar que o bono turístico foi unha campaña que naceu coa pandemia e que nos últimos anos demostrou ser unha ferramenta moi efectiva á hora desestacionalizar e descentralizar o turismo en Galicia. Nesta edición, cada usuario puido descargar ata un máximo de dous bonos de 150 euros cada un, dos cales a Xunta financia o 40%. Así, por cada 300 euros, o usuario solo debe asumir 180 euros.
Os usuarios poderán utilizar os seus bonos do 15 de setembro ata o 25 de decembro en calquera dos establecementos adheridos á campaña. Estes establecementos, así como toda a información sobre o funcionamento da campaña, poden atoparse na web bonoturismo.gal.
A día de hoxe hai preto de 320 establecementos turísticos de aloxamento adheridos en Galicia dos cales preto de 90 corresponden á provincia de Pontevedra.
O delegado territorial rematou a visita lembrando a importancia de manter un sector turístico “activo, de calidade e descentralizado cuxo éxito se traduza nunha mellora das condicións de vida de todos os galegos e galegas”.