A Xunta impulsa o comercio local coruñés co sorteo dos premios da campaña ‘Merca no teu comercio’
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na entrega dos premios dunha iniciativa realizada na primeira quincena de xullo en colaboración coa Federación Galega de Comercio
A Coruña, 22 de xullo de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na Coruña na entrega dos premios da campaña Merca no teu Comercio, iniciativa de dinamización do tecido comercial impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio ao longo de toda Galicia e que, no caso da cidade herculina, foi celebrada na primeira quincena deste mes de xullo.
No acto de hoxe, celebrado na Praza de España, Gabriel Alén lembrou que as campañas que se están a desenvolver en Fene e Narón permanecerán abertas ata o vindeiro venres, 25 de xullo. Ademais, indicou que, tamén na provincia da Coruña, a iniciativa está activa nos concellos de Dodro, Padrón e Rois ata o 4 de agosto.
Esta mañá realizouse o sorteo en directo entre os consumidores —que rexistraron as súas compras a través da web da campaña ou directamente no comercio— de 20 tarxetas prepago de 50 euros, canxeables nos establecementos participantes ata o 31 de decembro. A campaña continuará esta semana con novos sorteos mañá, día 23, en Quiroga (Lugo) e no barrio de A Ponte (Ourense), e o xoves 24 de xullo en A Guarda (Pontevedra), dentro dunha programación que se desenvolverá por toda Galicia ata o 31 de outubro.