Arias traslada ao Club Motopark de Lugo o apoio da Xunta para a organización do Campionato de España de Motocross Júnior, que se celebrará en setembro

Lugo, 22 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión de traballo con Miguel Ángel Vázquez e Martín Perez, presidente e secretario do Club Motopark de Lugo, na que abordaron a colaboración do Goberno galego na organización do Campionato de España de Motocross Júnior, que se celebrará no circuíto lucense na fin de semana do 20 e 21 de setembro.

O circuíto Jorge Prado volve acoller así nesta tempada probas do Campionato nacional de Motocross, despois de albergar tamén nos últimos anos o Nacional Elite. No encontro de setembro competirán pilotos das categorías MX65, MX85, MXSub18, MX3 e MX4.

Arias puxo en valor o “excelente traballo desenvolvido polo club Motopark, que consigue traer á cidade unha nova proba deportiva de primeirísimo nivel” e destacou que a Xunta “segue apoiando a clubs e competicións deportivas da provincia, conscientes do importante impacto económico dunha cita destas características e tamén da súa repercusión no ámbito nacional e internacional”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2025