A Xunta impulsa en Sanxenxo a comercialización de artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera en colaboración coa marca D-Due

Durante os meses de xullo e agosto celebrarase a quinta edición da Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, na que se poderán atopar pezas de 44 obradoiros artesanais galegos

A tenda está aberta na Rúa Luis Vidal Rocha, 7 B-D, en horario de 10,30 a 21,30 horas, de luns a sábados, e de 11,00 a 15,00 horas, os domingos

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de xullo 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá en Sanxenxo a tenda Summer Shop, unha iniciativa colaborativa entre a Xunta e a marca de moda galega D-Due. Esta tenda efémera, na que o goberno autonómico colabora por quinto ano consecutivo a través da Fundación Artesanía de Galicia, ten como obxectivo amosar unha escolma do talento galego e destacar a alta calidade da moda, do feito á man e da artesanía galega, nun proxecto vinculado a unha empresa téxtil con proxección internacional como é D-Due.

Na edición deste ano, a tenda contará con pezas de 44 obradoiros pertencentes á marca Artesanía de Galicia, que representan unha ampla variedade de oficios artesáns. Entre eles destacan a cerámica, a cestería, a olería tradicional, o traballo en madeira, a xoiería, o coiro, a elaboración e reparación de redes, o tecido, o encaixe, a coitelería, a creación de figuras con miga de pan (sanandresiños), o gravado, a bixutería, a confección de complementos, o oficio das colareiras, a estampaxe e a elaboración de xoguetes.

A Fundación Artesanía de Galicia colabora desde hai varios anos coa empresa D-Due co obxectivo de amosar o talento galego e a alta calidade da moda feita á man e da artesanía galega, vinculada a unha firma téxtil con proxección internacional como é D-Due. Desde o ano 2021, organízase en Sanxenxo a Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, un espazo que, durante os meses de xullo e agosto, acolle tanto as coleccións desta marca de moda como unha ampla selección de pezas de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. Ademais, este ano Artesanía de Galicia participou tamén nunha tenda efémera organizada por D-Due no Hotel Santo Mauro de Madrid, onde se exhibiron creacións de oito obradoiros artesáns galegos

Traxectoria de D-due

D-due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo dende a década dos 90 e con sede en Rianxo. As súas coleccións e creacións artísticas son apreciadas internacionalmente por mercados tan exclusivos coma o xaponés, de feito, contan con tenda propia en Aoyama, unha das zonas comerciais máis exclusivas de Tokio, dende o ano 2015. A difusión internacional de D-due consolidouse ao longo dos últimos anos coa súa presenza nunha ampla variedade das tendas e dos grandes almacéns máis exclusivos de Italia, Francia ou Corea do Sur entre outras cidades clave do panorama da moda mundial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025