O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Federación de Autismo, Mercedes Fernández, asinaron o novo convenio

A consellería de Sanidade renova a colaboración coa Federación Autismo Galicia para promover a sensibilización social e a calidade da atención sanitaria ás persoas con TEA

O convenio terá unha vixencia ata finais de 2025 e supón un apoio económico da Xunta de 43.400 euros

Realizaranse actividades de sensibilización, de formación dos profesionais, á vez que se promoverán habilidades funcionais nas persoas con TEA

O conselleiro considera fundamental a mellora da accesibilidade cognitiva nos centros sanitarios, para que as persoas autistas accedan a eles con tranquilidade

Gómez Caamaño subliña que o documento asinado é un compromiso coa accesibilidade, a inclusión e o respecto á diversidade neurolóxica

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025

A Consellería de Sanidade renovou hoxe a súa colaboración coa Federación Autismo Galicia dirixida a promover a sensibilización social e a calidade da atención ás persoas con trastorno do espectro autista.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández, asinaron a renovación do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Autismo Galicia, nun acto que tivo lugar no Edificio Administrativo de San Lázaro.

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria, o convenio estará vixente ata o remate de 2025 e supón un apoio económico da Xunta de 43.400 euros.

En virtude desta acordo, dirixido a mellorar a vida das persoas con TEA e avanzar nun sistema sanitario máis humano e máis xusto, realizaranse actividades de sensibilización, explicando á sociedade que é o autismo e desmontando prexuízos.

Ademais, formarase aos profesionais e a todos os que teñen contacto directo coas persoas con TEA para que teñan todas as ferramentas adecuadas xa que -segundo dixo o conselleiro- a formación mellora a atención.

Así mesmo, desenvolveranse accións para promover hábitos saudables e habilidades funcionais nas persoas con TEA.

Outra das accións claves é a mellora da accesibilidade cognitiva nos centros sanitarios, o que implica identificar barreiras, adaptar espazos e instalar sinalización clara, visual e comprensible que axude a que unha persoa con autismo poida moverse polo centro de saúde ou o hospital sen angustia e sen confusión.

Labor fundamental

No seu uso da palabra, Gómez Caamaño destacou o labor que desenvolve a Federación Autismo Galicia, que representa ao redor de 10.000 persoas con TEA e as súas familias.

Segundo o conselleiro, o traballo que leva a cabo esta Federación é fundamental, non só pola atención directa que presta, senón tamén polo seu papel na defensa dos dereitos, a formación, o acompañamento e a creación dunha rede de apoio que chega onde as administracións por si soas non sempre poden chegar.

O titular da carteira sanitaria incidiu en que o convenio hoxe asinado é un compromiso coa accesibilidade, a inclusión e o respecto á diversidade neurolóxica, e rematou reiterando o seu desexo de que a sociedade coñeza, respecte e valore ás persoas con autismo, e que poidan acceder aos servizos sanitarios con tranquilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025