O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal de catro categorías de persoal estatutario
Resultaron admitidos 25.403 aspirantes
A categoría con maior número de admitidos foi a de grupo auxiliar da función administrativa (12.836)
O 8,93% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal de catro categorías: auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche.
Resultaron admitidos un total de 25.403 aspirantes: 12.836 do grupo auxiliar da función administrativa; 7.885 de persoal de servizos xerais; 4.067 de pinche e 615 de cociñeiro.
O 8,93% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso: 972 do grupo auxiliar da función administrativa; 428 de persoal de servizos xerais; 77 de pinche e 43 de cociñeiro.
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 26 de agosto.
Próximas publicacións
Proximamente publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: dietista-nutricionista, facultativo de área de medicina do traballo, facultativo de área de psicoloxía clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopedista, odontólogo de atención primaria, terapeuta ocupacional e traballador social.