A Xunta investirá 546.000 euros en material clínico e equipamento sanitario con destino ao CIS Olimpia Valencia de Vigo e ao novo centro de saúde de Moaña
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 12 de setembro para presentar as súas ofertas
O número de unidades a mercar é de 915 entre otoscopios, dermatoscopios, fonendoscopios, monitores de tensión arterial e outro equipamento
A Consellería de Sanidade avanza na fase final de execución destas dúas infraestruturas sanitarias da área de Vigo, que suman un investimento de máis de 24 M€
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia publicou no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, o subministro de material clínico e equipamento sanitario con destino ao Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo e ao novo centro de saúde de Moaña, por un importe de 546.656 euros.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 12 de setembro para presentar as súas ofertas.
O número de unidades a mercar ao abeiro deste contrato é de 915, e entre o equipamento que se adquirirá están padiolas, básculas para adultos e para bebés, otoscopios, dermatoscopios, fonendoscopios, bicicletas estáticas e cintas de marcha con control de frecuencia cardíaca, pulsioxímetros, carros de procedemento, carros de parada, frigoríficos para vacinas, cooxímetros, monitores de tensión arterial, etc.
Máis de 24 millóns de euros de investimento
A Consellería de Sanidade avanza nos trámites para dotar do material necesario as dúas infraestruturas que impulsa na área sanitaria de Vigo, que afrontan a fase final da súa execución e que suman un investimento da Xunta de case 24 M€.
Esta licitación responde pois á necesidade de dotar aos citados centros do material clínico e equipamento sanitario necesarios para a súa actividade asistencial. O novo contrato súmase ao licitado hai unhas semanas por importe de 248.240 €, para o subministro de mobiliario xeral e de oficina para equipar ambos os dous centros sanitarios.
Grazas ao investimento da Xunta de case 16 millóns de euros no CIS Olimpia Valencia, reforzarase a calidade da atención primaria en Vigo, con máis servizos sanitarios, mellores instalacións e un equipamento completamente renovado.
Polo que atinxe ao centro de saúde de Moaña, o investimento da Xunta acada os 8,3 millóns de euros.