Controlado o incendio forestal do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao
O lume, que se rexistrou en territorio galego e portugués, afecta dentro da nosa Comunidade unha superficie estimada dunhas 90 hectáreas
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que tamén afecta a Portugal, está controlado dende as 20.54 horas de hoxe.
O lume iniciábase onte ás 16.38 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 90 hectáreas en territorio galego. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 técnicos, 17 axentes, 27 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 4 avións. Entre estes efectivos figuran tamén os bombeiros de Países Baixos que están a realizar unha estancia formativa en Galicia enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.