A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, asinou hoxe co alcalde o convenio para executar as obras

A Xunta coopera co concello de Rubiá no acondicionamento da rúa Terra do Souto e da súa contorna, que suporá un investimento de 280.500 €

Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa de apoio aos concellos para promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza

O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de varios edificios públicos

O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, case 197.000 €; e o Concello de Rubiá aportará o investimento restante, que rolda os 84.000 €

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025

A Xunta colaborará co Concello de Rubiá para o acondicionamento da rúa Terra do Souto e de espazos públicos nesta contorna, que suporá un investimento global de 280.509€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe en San Caetano co alcalde do concello ourensán, Elías Rodríguez, o convenio para executar as obras.

O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de edificios públicos como o colexio público Virxe do Camiño, o pavillón polideportivo, un parque infantil, as edificacións municipais destinadas a almacén e as dúas antigas vivendas dos mestres agora rehabilitadas como vivendas municipais.

O obxectivo desta intervención é actuar en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica.

Este proxecto no lugar de Rubiá pretende contribuír á seguridade dos veciños, mediante o saneamento da infraestrutura urbana e a execución de beirarrúas na zona vella da localidade. Ditas actuacións compleméntanse coa instalación de barreiras protectoras.

Tamén, para potenciar un espazo de encontro dos veciños levarase a cabo un programa de humanización de rúas polo que se instalará unha nova rede de iluminación soterrada, e acondicionarase o perímetro do parque infantil e demais zonas verdes, colocando céspede e árbores.

O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, é dicir, case 197.000 €, e o Concello de Rubiá aportará o investimento restante, que rolda os 84.000 €.

Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.

Este programa impulsado polo Goberno galego tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2025