A Xunta lembra que os programas europeos teñen carácter plurianual, polo que o ritmo de execución non pode ser analizado nun ano concreto
A Comunidade galega pechará a finais deste ano o programa 2014-2020 coa totalidade dos recursos executados
O importe das operacións aprobadas polo Goberno galego no actual programa 2021-2027 está no 63,1 % dos recursos programados, tendo en conta que o período de execución esténdese ata o 31 de decembro de 2029
Galicia reivindica a súa xestión no desenvolvemento dos programas para reclamar recursos e cogobernanza no novo marco financeiro 2028-2034
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
A Xunta lembra que os programas europeos teñen carácter plurianual, polo que o ritmo de execución non pode ser analizado nun ano concreto. Deste xeito, a execución orzamentaria dun exercicio anual en particular non amosa o estado real da execución dos programas e dos fondos europeos en xeral, xa que cos recursos orzamentarios trátase de facilitar tanto a posta en marcha como a execución dentro do marco temporal das actuacións que contan con financiamento europeo.
A Comunidade galega executou a totalidade dos recursos asignados nos programas 2014-2020 dos fondos estruturais -FEDER e FSE-, así como as partidas incluídas do fondo REACT-EU. A execución total destes programas, que se pecharán a finais de 2025, despois dos últimos controis sobre o gasto certificado, suporá o reembolso por parte da Unión Europea da totalidade dos fondos asignados nos programas rexionais de Galicia.
Así mesmo, cómpre salientar que, na actualidade, o importe das operación aprobadas polo Goberno galego nos programas do marco financeiro 2021-2027 está no 63,1 % dos recursos programados, tendo en conta que o período de elixibilidade finaliza o 31 de decembro de 2029. O importe adxudicado ascende xa a preto do 30 % dos fondos asignados (29,2 %).
No que se refire ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) hai que destacar que, pese a diversos atrancos, como a excesiva centralización e a falta de cogobernanza real do Goberno central coas comunidades, a Administración galega está levando a cabo unha xestión dilixente dos mesmos, cun importe publicado de convocatorias de subvencións e licitacións que representa o 89 % dos ingresos netos recibidos, mentres que o importe adxudicado ascende a 1.368 millóns de euros, o 94 % do publicado e o 84 % dos ingresos netos.
No que respecta ao Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), trátase de recursos finalistas que se reciben do Estado. No ano 2023, Galicia recibiu 38,6 M€, a menor cantidade desde o ano 2008, cando a Comunidade recibiu 203 M€. A Xunta está destinando estes recursos ao financiamento do Plan de Infraestruturas Sanitarias. No ano 2023, a totalidade do FCI se destinou á ampliación do Hospital de Montecelo.
Galicia reivindica a súa xestión dos fondos europeos para reclamar a cogobernanza e os recursos que precisa a Comunidade no novo marco financeiro 2028-2034, que está a deseñar a Comisión Europea. O nivel de execución e os resultados dos programas xestionados pola Comunidade galega constatan a necesidade de que as rexións teñan un papel significativo na toma de decisións, con recursos suficientes para afrontar os retos na cohesión económica e social, sobre todo en sectores tan importantes para Galicia como a agricultura e a pesca.