O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como estatutario fixo e adxudicación de destino definitivo dos 33 aspirantes seleccionados na estabilización do persoal de investigación
Con este proceso, o Servizo Galego de Saúde é pioneiro na consolidación do persoal de investigación sanitaria
Resultaron nomeadas e adxudicatarias de destino definitivo 28 persoas na categoría de investigador sanitario (subgrupo A1), tres na de investigador non sanitario (subgrupo A1) e dúas na de investigador sanitario (subgrupo C1)
Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Trátase de profesionais cun dilatado currículo investigador e que o departamento sanitario galego estabilizou na súa estrutura
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, nas categorías de persoal de investigación, proceso selectivo convocado pola resolución do 27 de decembro de 2022.
Con esta publicación declárase finalizado o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo nas diferentes categorías de persoal investigador.
Con este proceso, o Servizo Galego de Saúde é pioneiro na consolidación de persoal de Investigación como estatutario. Trátase de profesionais cun dilatado currículo investigador e que o departamento sanitario galego estabilizou na súa estrutura.
A resolución deste proceso suporá a incorporación de 33 profesionais ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia coa condición de fixeza.
Resultaron nomeadas e adxudicatarias de destino definitivo 28 persoas na categoría de investigador sanitario (subgrupo A1), tres na de investigador non sanitario (subgrupo A1) e dúas na de investigador sanitario (subgrupo C1).
Na área sanitaria da Coruña e Cee incorpóranse oito novos profesionais, todos correspondentes á categoría de investigador sanitario, subgrupo A1. Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza incorpóranse 20 investigadores, un da categoría de investigador non sanitario (subgrupo A1), 18 da categoría de investigador sanitario (subgrupo A1) e un da de investigador sanitario (subgrupo C1).
Na área sanitaria de Vigo incorpóranse cinco profesionais, dous da categoría de investigador non sanitario (subgrupo A1), dous da de investigador sanitario (subgrupo A1) e un de investigador sanitario (subgrupo C1).
Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 1 de setembro.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.