O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; acompañado do xerente da área sanitaria, José Flores; e do director do 061, Román Gómez, reuniuse co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, na que investirá preto de 5,2 M€

O conselleiro de Sanidade avanza que a previsión é dispor do proxecto no primeiro semestre do vindeiro ano como paso previo á licitación das obras

Detalla que se ampliará e mellorará o centro, que pasará a ter dez consultas de medicina xeral, unha máis que a anterior, e nove de enfermería

O centro terá área de pediatría, sala de lactación, área de atención á muller, fisioterapia e espazo para nutricionista, entre outros servizos

Tamén se incrementarán as consultas no Punto de Atención Continuada e a base do 061

Gómez Caamaño e Telmo Martín acordan traballar para acadar un Sanxenxo Cardioprotexido, dotando o concello dunha ratio de desfibriladores que o sitúen á vangarda europea

Sanxenxo (Pontevedra), 31 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a publicación hoxe, no Portal de Contratos Públicos da Xunta, da licitación da redacción do proxecto da ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, na que o Executivo galego ten previsto investir preto de 5,2 millóns de euros.

O titular da carteira sanitaria reuniuse co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, nunha xuntanza á que tamén asistiron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores; e o director de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez.

Gómez Caamaño detallou que para a redacción do proxecto do centro de saúde, a Xunta destina 392.000 euros. As empresas teñen de prazo ata o 18 de setembro para presentar as súas ofertas.

O conselleiro de Sanidade explicou que a previsión é poder dispoñer do proxecto redactado no primeiro semestre do vindeiro ano, como paso previo a poder licitar as obras.

Gómez Caamaño dixo que esta reforma é unha actuación necesaria, dada a relevancia asistencial deste centro, que atende máis de 21.800 tarxetas sanitarias, e que é o punto de atención continuada de referencia de Sanxenxo e de Meaño. A todo isto hai que engadir o incremento exponencial de poboación durante o verán.

Gómez Caamaño explicou que se ampliará e mellorará o centro demolendo a parte máis antiga do edificio e construíndo unha nova infraestrutura cunha planta baixa, dous andares e un soto, o que suporá máis de 3.100 m2 de superficie construída. Ademais, engadiranse outros 1.200 m2 da parte máis nova do edificio, que será reformada e adaptada, acadando un total de 4.400 m2.

Con toda esta actuación, o centro disporá de 10 consultas de medicina xeral, unha máis que na actualidade, permitindo incorporar a un novo residente, así como nove consultas de enfermería e unha sala polivalente.

O centro tamén disporá de espazos para a farmacia, para o nutricionista, cirurxía menor, técnicas e tratamentos, todos eles con salas de espera propias.

No que atinxe á área de pediatría, o novo centro terá tres consultas de medicina e tres de enfermería, ademais de sala de lactación.

O espazo de atención á muller disporá de consulta de matrona que incluirá quenda de tarde grazas á incorporación dunha nova profesional, así como unha sala de educación para a saúde.

O Goberno galego tamén reforzará os servizos de fisioterapia, cunha consulta específica e un ximnasio ampliado.

Na zona do PAC mellorarase o confort e, ademais, as consultas de medicina e de enfermería incrementaranse ao pasar de unha a tres. Así mesmo, mellorarase a base do 061 con novas instalacións e aseos.

Todas estas melloras reflicten, concluíu o conselleiro, a aposta clara da Xunta pola mellora da atención primaria, achegando á cidadanía servizos públicos máis modernos e accesibles.

Está previsto que esta actuación de ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, sexa financiada con fondos europeos do programa Feder Galicia 2021-2027.

Concello cardioprotexido

O conselleiro detallou, ademais, que durante a xuntanza de traballo desta mañá se abordou un proxecto co obxectivo de lograr un Sanxenxo cardioprotexido.

Trátase de dotar o municipio dunha rede de desfibriladores que permita unha resposta áxil e eficiente ante unha parada cardiovascular, así como de voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar.

 O obxectivo último é dotar Sanxenxo da ratio de desfibriladores necesaria para situalo á vangarda europea.

Gómez Caamaño dixo que o alcalde considera esta iniciativa interesante e que as dúas administracións afondarán para poder materializala.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2025