Martina Aneiros enxalza a capacidade do Bono Peixe para incentivar o consumo de marisco e peixe fresco galego
A delegada territorial de Ferrol informou da nova convocatoria durante unha visita a Pescadería Marita en Ferrol, adherida á campaña da Consellería de Mar
A convocatoria conta cun orzamento de 2,5 M€ e prevé mobilizar 10 M€ durante esta campaña
Ferrol, 1 de agosto de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da nova convocatoria do Bono Peixe, activa desde esta mesma semana, dotada con 2,5 millóns de euros e coa previsión de acadar 150.000 beneficiarios reais e un impacto económico de 10 millóns de euros. O fixo durante unha visita a Pescadería Marita, en Ferrol, un dos negocios de Ferrolterra adheridos a esta iniciativa coa que, como lembrou, o Goberno galego pretende “fomentar e incentivar o consumo de peixe e marisco fresco galego nos establecementos adheridos na nosa comunidade”.
Trátase de bonos de 50 euros de desconto que poden obterse na web www.bonopeixe.gal ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos con Android e iOs. Eses 50 euros iranse liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana -con descontos do 25% da compra ata un máximo de 5 euros-, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.
A delegada territorial destacou que nestes momentos hai adheridos máis de 40 negocios pertencentes ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, animando ó resto de establecementos que poden adherirse durante toda a duración desta campaña. Tamén destacou que ata o momento xa se levan descargados uns 1.700 bonos nestas comarcas.
Aneiros lembrou os datos negativos sobre “o descenso do consumo de peixe e marisco na dieta e na cesta da compra tanto a nivel nacional, europeo e nacional, así como en Galicia que tamén sofre esa baixada do consumo destes produtos a pesar da excelencia dos mesmos na costa e rías galegas, que contribúen a dar contido á marca “Galicia Calidade”, indicou.
O Bono Peixe trátase dunha medida pioneira que destaca “pola súa capacidade para activar o consumo destes produtos frescos galegos ao mesmo tempo que se reforza a actividade da cadea mar-industria, como sector estratéxico para Galicia”, indicou a delegada territorial, quen destacou tamén a súa contribución a promover hábitos de consumo saudables, dada a calidade nutritiva e os beneficios para a saúde destes alimentos.