Os conselleiros de Educación e de Sanidade fixeron balance do traballo realizado entre a Xunta e as universidades para avanzar na descentralización dos estudos de Medicina
A Xunta confía na xenerosidade para acadar a descentralización de medicina, creando en Vigo e na Coruña unidades docentes integradas por profesores das tres universidades
Na reunión de onte, terceira do grupo de traballo para a descentralización do grado de Medicina, logrouse avanzar cara ao obxectivo común de garantir a mellor formación dos futuros médicos
A proposta, sobre a que existe un amplo consenso, pasa por ampliar ao 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º
O Goberno galego apela á altura de miras e á xenerosidade para a acadar a mellor fórmula para o conxunto do sistema universitario galego e para a formación das novas xeracións de médicos
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
A Xunta confía na xenerosidade e pide altura de miras para acadar a descentralización de medicina, creando en Vigo e na Coruña unidades docentes nas que se integren profesores das tres universidades.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixeron hoxe balance dos avances do grupo de traballo para descentralización dos estudos de Medicina en Galicia, que onte celebrou a súa terceira reunión.
Tal e como detallou o conselleiro de Sanidade, na xuntanza deste xoves logrouse avanzar cara ao obxectivo común que é garantir a mellor formación dos futuros médicos.
O titular da carteira sanitaria incidiu en que na reunión quedou confirmada a vontade do grupo en traballar por descentralizar os estudos de Medicina, sentando as bases para ampliar a 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º, contando con unidades docentes na Coruña e en Vigo nas que se integren profesores das tres universidades.
Gómez Caamaño subliñou que é necesario aproveitar ao máximo toda a capacidade formativa e todo o talento que existe nos hospitais galegos e reiterou o máximo interese do seu departamento en poñer todos os recursos materiais e humanos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde á disposición da mellor formación académica sanitaria.
Gómez Caamaño puxo en valor a importancia de garantir a máxima calidade da formación aos máis de 1.500 estudantes de Medicina e insistiu en que é necesario formar aos mellores médicos para o mañá co obxectivo de garantir a atención sanitaria á cidadanía.
A tal fin, o Goberno galego pide altura de miras, xenerosidade e flexibilidade, porque será en beneficio dos estudos de Medicina e da mellor formación dos futuros médicos.
Propostas concretas
Pola súa parte, o conselleiro de Educación manifestou que existe un amplo consenso sobre as vías para descentralizar os estudos de Medicina, incidindo no seu optimismo ao respecto.
Logo de tres reunións do grupo de traballo, o titular de Educación dixo que hai avances e propostas concretas que á volta do verán se agarda pechar. Referiu que é necesario que todo o mundo ceda e sexa colaborativo para a acadar a mellor fórmula para Galicia, pero tamén para A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Román Rodríguez subliñou que, no grupo de traballo, están a fraguarse posibilidades para a descentralización e insistiu na aposta da Xunta pola descentralización de 4º, 5º e 6º, tanto da docencia práctica como da parte teórica.
Para levar a cabo esta descentralización, o titular de Educación incidiu na creación en Vigo e na Coruña de unidades docentes compartidas, onde haxa profesorado, tanto da Universidade de Vigo e da de Coruña como da de Santiago de Compostela, que imparta clase ao alumnado deses cursos.
No grupo de traballo haberá que concretar as porcentaxes de reparto desta docencia de cara a incrementar a porcentaxe que se establecía no convenio de 2015, fixada nun 15 %.
Agárdase que no mes de agosto se acabe de perfilar a proposta para poder acordala á volta do verán no grupo de traballo.
Román Rodríguez subliñou que isto non afectará á investigación que se leva a cabo nas propias universidades, o que supón que os profesores seguirán vinculados aos centros de investigación nos que na actualidade levan a cabo o seu labor.