Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.45 h. de hoxe
Desactivada a Situación 2 e desmobilizada a Unidade Militar de Emerxencias (UME) no incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, que afecta unha superficie estimada de arredor de 300 hectáreas
Extinguido, dende as 9:36 horas desta mañá, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas
Extinguido tamén, desde as 13.35 horas de hoxe, o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, que afectou finalmente un total de 10,21 hectáreas, a maior parte delas de monte arborado
Continúa controlado, dende as 21.52 horas de onte xoves, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.45 horas de hoxe venres.
Activo A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Ás 12.22 horas deste mediodía decretouse a finalización da Situación 2 no incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, lume que permanece activo pero cuxa evolución é favorable. Isto vai acompañado da desmobilización dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá de onte xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 11 técnicos, 35 axentes, 48 brigadas, 33 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
Extinguido Carballedo-San Mamede de Lousada
Ás 9.36 horas desta mañá deuse por extinguido o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afectou unha superficie de 16 hectáreas, das cales 14 corresponden a monte arborado e as 2 restantes a raso. En total, mobilizáronse para o seu control 1 técnico, 15 axentes, 26 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 3 avións.
Extinguido Arbo-Arbo
Ás 13.35 horas de hoxe deuse por extinguido o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes. O incendio afectou finalmente unha superficie total de 10,21 hectáreas, das cales 9 corresponden a monte arborado e as 1,21 restantes a raso. Para a súa extinción, mobilizáronse 1 técnico, 8 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas e 2 helicópteros.
Controlado Carballeda de Avia-Carballeda
Permanece controlado, dende as 21.52 horas de onte xoves, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas e no que, antes deste control, rexistrouse unha reprodución. O incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 31 axentes, 51 brigadas, 30 motobombas, 4 helicópteros e 8 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.