O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado pola directora xeral de Xuventude, visitou o campamento artístico do Monte do Gozo, en Santiago
López Campos enxalza o valor dos campamentos de verán da Xunta para “activar e potenciar a creatividade da rapazada no seu tempo de lecer”
O representante do Goberno galego destaca que este ano incorporáronse seis novas experiencias a esta oferta, ampliándose a 7.877 o número de prazas
Salienta “o amplo abano” de actividades que abranguen propostas lúdicas, culturais, deportivas e formativas, ”que sitúan a Galicia como referente en España”
Lembra que a campaña da Administración autonómica para a xuventude nestes meses de estío ofrece un global de 11.3630 prazas, “o maior da súa historia”
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o valor dos campamentos de verán da Xunta para “activar e potenciar a creatividade da rapazada tirando proveito do seu tempo de lecer”. Fíxoo durante a súa visita ao da modalidade artística, que se está a celebrar no albergue do Monte do Gozo, onde participan nenos e nenas de entre 14 e 17 anos, e no que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
López Campos destacou que esta actividade forma parte das novidades deste ano da programación de campamentos que integran a campaña Modo verán activo do Goberno galego, da que salientou o “récord histórico de prazas cun total de 11.630, 7.876 delas para campamentos dirixidos a nenos e nenas de 9 a 17 anos, que supoñen tamén a maior da súa historia”.
Sobre as propostas dos campamentos, salientou a incorporación de seis novas experiencias “para brindarlles as mellores oportunidades e de enriquecemento persoal á nosa xuventude”. Ao respecto, fixo fincapé en que, deste xeito, “ofrécese un amplo abano de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de formación, que sitúan a Galicia como referente en España”.
Neste senso, o conselleiro explicou que a actividade Creativo artístico do albergue Monte do Gozo está a permitirlle a 30 rapaces e rapazas gozar, ata o 8 de agosto, de obradoiros de ficción sonora, fotografía, ilustración manga, cerámica, creación con materiais reciclados, tamén musicais e de moda, que serán complementados con actividades deportivas, medioambientais e de cociña, á vez que gozarán de excursións a contornas naturais como Fisterra, Porto do Son e Corrubedo.
“Estamos a demostrar que non só ofrecemos propostas de lecer ou un recurso de conciliación familiar, totalmente necesarios, senón unha oportunidade de aprendizaxe e formación, tamén imprescindibles para o crecemento persoal da nosa xuventude”, aseverou sobre a diversidade da oferta de campamentos desta campaña.
Ademais do Creativo artístico en Santiago, as novas propostas da edición deste ano inclúen o Eco Camp Labrego, na Granxa Escola Bergando, en Negreira, con dúas quendas de 25 persoas cada unha; O bosque animado, na Granxa Escola Garatuxa, en Mesía, con 20 prazas; Arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, na Residencia de tempo libre do Carballiño, con dúas roldas para 45 participantes cada unha; Contos e lendas, no Colexio Guillelme Brown, no Pereiro de Aguiar, para 30 mozos e mozas, e Os segredos do universo, no Albergue xuvenil Montañas de Trevinca, na Veiga, que conta con 30 prazas. Ademais, o campamento O sabor do verán, que repite este ano pero nunha nova localización, a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense.
Minicampamentos ‘Coñece Galicia’
O máximo responsable de Xuventude do Executivo autonómico lembrou que tamén se están a celebrar os minicampamentos Coñece Galicia. Trátase dunha proposta lúdico formativa que conta con 779 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e que se desenvolve nos espazos naturais da Comunidade cunha duración de 5 días, de luns a venres. En concreto, apuntou que están activos 16 programas de estadías diferentes, con aloxamentos en establecementos turísticos, “co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia”.
Precisamente, o conselleiro fixo fincapé en que a campaña Modo verán activo é froito do traballo coordinado con outros departamentos da Xunta de Galicia, o que valorou que permite a participación gratuíta dos fillos de vítimas de violencia de xénero nas actividades, a participación de mocidade con discapacidade e de menores en situación de garda ou tutela.