O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, foi o pregoeiro na XXIV edición desta cita que se celebra anualmente no Pino

A Xunta salienta o papel da Festa do Galo Piñeiro como referente na promoción do produto autóctono e na dinamización social e económica do rural galego

O evento ten como obxectivo poñer en valor esta especie autóctona con raíces na época celta a través dun amplo programa de actividades que inclúe gastronomía, música, exhibicións e un certame de premios para os mellores exemplares

Ademais, o Pino acolle tamén unha das mostras cabalares máis relevantes de Galicia, tanto de razas autóctonas como foráneas

José González subliñou que eventos coma este contribúen de maneira decisiva á dinamización do territorio, xerando actividade, turismo, emprego e orgullo arredor da identidade galega

Destacou a celebración da feira ‘Artesanía no Camiño’, que desde o ano 2021 forma parte do programa e que se desenvolve ao longo de todo o domingo cunha nutrida presenza de profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

O Pino (A Coruña), 3 de agosto de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, foi o encargado esta mañá de dar o pregón da XXIV edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia que se desenvolve cada ano no concello do Pino durante o primeiro fin de semana de agosto. O evento ten como obxectivo principal poñer en valor e recuperar a especie autóctona do galo piñeiro, un animal con raíces na época celta.

Durante a súa intervención, o representante do Goberno galego destacou que esta cita gastronómica e cultural é a máis importante do municipio e unha das máis representativas da comarca de Arzúa, salientando que a raza piñeira é símbolo dun modelo produtivo sustentable, local, respectuoso co medio e profundamente enraizado no territorio. Subliñou tamén que festas como esta son un claro exemplo do potencial do rural galego, xa que contribúen de maneira decisiva á xeración de actividade económica, á creación de emprego e ao fortalecemento do orgullo colectivo arredor dos produtos propios.

O conselleiro puxo en valor o esforzo organizativo e a implicación da veciñanza para consolidar unha celebración que atrae visitantes de toda Galicia e que se converteu nun escaparate privilexiado para o sector agroalimentario e para a proxección exterior do concello.

Coincidindo coa festa, o Concello fará entrega dos premios aos criadores gañadores nas diferentes categorías do certame de galos e galiñas de raza piñeira, unha actividade que forma parte do programa da feira e que reúne participantes procedentes de distintos puntos da comunidade. Xunto coa exaltación do galo piñeiro, O Pino acolle tamén unha das mostras cabalares máis relevantes de Galicia, na que compiten exemplares equinos de alta calidade, tanto de razas autóctonas como foráneas. O conselleiro sinalou que esta cita está plenamente consolidada no calendario galego e representa un referente para o sector ecuestre.

Pulo á artesanía galega

No marco da programación, José González quixo destacar tamén o papel relevante que a artesanía galega foi adquirindo dentro da festa. Neste sentido, puxo en valor a feira Artesanía no Camiño, que desde o ano 2021 forma parte do programa e conta coa participación de profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Destacou a capacidade deste sector para crear marca Galicia e para conectar o rural coa creatividade contemporánea sen perder a súa esencia.

Así, subliñou que, ademais dos postos de venda, a feira ofrece ao público demostracións en vivo de diferentes oficios tradicionais como ferreiro, fiandeira, carpinteiro, traballos en coiro, macramé ou cerámica, entre outros, permitindo ao visitante descubrir de preto a riqueza e diversidade dos saberes artesanais galegos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2025