Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 12.30 h. de hoxe
Actualmente está activo un incendio no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 20 hectáreas
Segue activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas
Mantense estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, e no que se desactivou a Situación 2, que afecta unha superficie dunhas 300 hectáreas
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 12.30 horas de hoxe, sábado.
Activo Porto do Son-Miñortos
Actualmente está activo un incendio no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que segundo as primeiras estimacións provisionais afecta unha superficie de 20 hectáreas. O incendio comezou ás 02.52 horas desta madrugada e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 6 axentes, 7 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 2 avión e 2 helicópteros.
Activo Vilardevós-Terroso
Segue activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. O incendio iniciouse ás 23.04 horas da pasada noite e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 18 axentes, 23 brigadas, 25 motobombas, 5 pas, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Mantense estabilizado desde as 19.57 horas de onte venres o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia de O Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas do mediodía de onte, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 43 axentes, 66 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.