Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.00 h. de hoxe
Está activo un lume forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 50 hectáreas
Está activo un incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas
Segue activo o incendio forestal do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas
Continúa activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas, e no que foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva
Está xa controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, que afecta unha superficie de 220 hectáreas arboradas e 75 rasas
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2025.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.00 horas de hoxe, domingo.
Activo Ponteceso-A Graña
Segue activo o lume forestal do concello coruñés de Ponteceso, parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 50 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas desta madrugada e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 axentes, 7 brigadas, 8 motobombas e 4 helicópteros.
Activo Ponteceso-Brantuas
Mantense activo o incendio do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas de onte sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 3 técnicos, 9 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Activo Ponteceso-Cospindo
Segue activo o incendio forestal do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. O lume iniciouse ás 16.12 horas de onte e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.
Activo Vilardevós-Terroso, Activada Situación 2
Continúa activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume aos núcleos de poboación de Dona Elvira e Enxames. A Dirección Xeral de Emerxencias xa levantou o confinamento dos núcleos de Dona Elvira e do barrio das Picotas.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas do venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 33 axentes, 43 brigadas, 32 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 10 avións. Ademais, por parte da Xunta solicitouse a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Está xa controlado desde as 12.15 horas de hoxe o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas do venres, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións afecta unhas 220 hectáreas de superficie arborada e 75 de rasa. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 46 axentes, 66 brigadas, 43 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.