Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe
Está activo un incendio forestal na localidade ourensá de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechao, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie que rolda as 20 hectáreas
Continúa activo o lume forestal do concello coruñés de Ponteceso, parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas
Segue activo outro incendio forestal neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que afecta unha superficie de 140 hectáreas
Está estabilizado dende as 19.56 horas o incendio da parroquia de Cospindo, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de200 hectáreas
Continúa activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas, e no que foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva
Deuse por extinguido ás 18.22 de hoxe o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia de O Couto, que finalmente afectou unha superficie de 295 hectáreas
Está extinguido un lume forestal na localidade coruñesa de Ribeira, parroquia de Olveira, que afectou 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2025.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe, domingo.
Activo Vilar de Barrio-Rebordechao
Está activo un incendio forestal na localidade ourensá de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechao, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie que rolda as 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 12.31 horas deste domingo e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 5 axentes, 17 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 6 avións.
Activo Ponteceso-A Graña
Continúa activo o lume forestal do municipio coruñés de Ponteceso, parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas desta madrugada e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 12 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 7 helicópteros.
Activo Ponteceso-Brantuas
Mantense tamén activo outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 140 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas de onte sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 11 axentes, 16 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 10 avións.
Activo Vilardevós-Terroso, Activada Situación 2
Continúa activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume aos núcleos de poboación de Dona Elvira e Enxames.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas do venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 33 axentes, 43 brigadas, 32 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 10 avións. Ademais, por parte da Xunta solicitouse a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Ponteceso-Cospindo
Está estabilizado dende as 19.56 horas o incendio do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. O lume iniciouse ás 16.12 horas de onte e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 11 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.
Extinguido A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Deuse por extinguido ás 18.22 de hoxe o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas do venres, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Finalmente afectou unha superficie de 295 hectáreas, das cales 220 corresponden a monte arborado e 75 a raso. En total, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 46 axentes, 66 brigadas, 43 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
Extinguido Ribeira-Olveira
Está extinguido dende as 09.36 de hoxe un lume forestal na localidade coruñesa de Ribeira, parroquia de Olveira, que afectou 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Mobilizáronse para a súa extinción un total de 1 axente, 1 brigada e 1 motobomba.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.