Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe
Está activo un incendio forestal no concello pontevedrés das Neves, parroquia de San Pedro de Batalláns, que supera as 50 hectáreas de superficie afectada e no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, máis concretamente ao núcleo da Abelleira
Activo desde as 16.17 horas desta tarde un lume no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas
Desactivada a Situación 2, que se declarara como medida preventiva, nos incendios dos concellos coruñeses de Camariñas, parroquia de Xaviña, e de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea
Ás 19.13 horas de hoxe quedou controlado outro incendio rexistrado tamén en Ponteceso, na parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas
Segue controlado desde as 20.09 do luns o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas
Mantense activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas
Está activo, desde as 13.07 horas, outro lume neste mesmo municipio da Fonsagrada, na parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas
O incendio do municipio pontevedrés de Mondariz, parroquia de Riofrío, continúa controlado desde as 20.25 horas de onte
Mantense controlado desde as 21.47 horas do luns o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe mércores.
Activada Situación 2. Activo As Neves-San Pedro de Batalláns
Está activo un incendio forestal no concello pontevedrés das Neves, parroquia de San Pedro de Batalláns, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, máis concretamente ao núcleo da Abelleira. O lume iniciouse ás 14.41 horas de hoxe e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 1 técnico, 7 axentes, 8 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 6 helicóptero e 3 avións. Tamén foron mobilizados efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Salceda de Caselas-A Picoña
Desde as 16.17 horas desta tarde está activo un incendio no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 2 técnicos, 6 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Desactivada a Situación 2. Activo Camariñas-Xaviña
Segue activo o incendio forestal do concello coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña, malia que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 16.57 horas de onte e afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnico, 13 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 pas e 4 helicóptero. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Desactivada Situación 2. Activo Ponteceso-Corme Aldea
Continúa activo o incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14.12 horas de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 16 axentes, 20 brigadas, 16 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ao longo desta mesma mañá puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Ás 19.13 horas de hoxe quedou controlado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Controlado Ponteceso-A Graña
Segue controlado desde as 20.09 do luns o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.
Activo A Fonsagrada-Monteseiro
Mantense activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 4 técnicos, 21 axentes, 27 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
Activo A Fonsagrada-Cereixido
Desde as 13.07 horas de hoxe está activo outro incendio neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 4 axentes, 5 brigadas, 5 motobombas, 4 palas, 5 helicópteros e 5 avións.
Controlado Mondariz-Riofrío
O incendio do municipio pontevedrés de Mondariz, parroquia de Riofrío, continúa controlado desde as 20.25 horas de onte. O lume iniciouse ás 00.20 horas da madrugada do martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 14 brigadas, 14 motobombas, 2 pa e 1 helicóptero.
Controlado Vilardevós-Terroso
Mantense controlado desde as 21.47 horas do luns o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 58 axentes, 83 brigadas, 56 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.