O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta do colexio asinaron o correspondente acordo de colaboración
O Servizo Galego de Saúde e o Colexio de Educadoras e Educadores de Galicia colaborarán para a posta en funcionamento do Proxecto Aloumiños, de prevención da soidade non desexada
Para levar a cabo esta iniciativa, o departamento sanitario galego investirá 127.000 euros
Formaranse grupos compostos por persoas en situación de soidade non desexada detectados desde os centros de atención primaria
Entre as actividades que se realizarán están sesións de benestar emocional, o fomento das relacións veciñais e o acompañamento das persoas que vivan soas
Tamén se levarán a cabo charlas e obradoiros para traballar temáticos como o envellecemento activo e sesións de actividade de ocio e tempo de lecer saudable
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Sonia González Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración no que se establecen as condicións polas que se rexerá a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o colexio, para a posta en funcionamento do Proxecto Aloumiños, de prevención da soidade non desexada.
Para a levar a cabo esta iniciativa, o departamento sanitario galego achegará a cantidade de 127.000 euros.
Tal e como se recolle no documento asinado, o departamento sanitario galego impulsa este proxecto a través da promoción de hábitos e contornas saudables, creando espazos de benestar para toda a poboación, buscando, entre outros beneficios, o aumento da calidade de vida e o benestar asociado ás relacións interpersoais e o apoio social, así como a diminución dos sentimentos de soidade, a mellor adherencia aos tratamentos e unha menor frecuentación dos servizos sanitarios.
O proxecto atópase aliñado cos obxectivos da Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde, co obxectivo de promover cambios na percepción e as actitudes sociais que favorezan a integración e a participación social das persoas con problemas de saúde mental.
Concellos onde se implantará
Este proxecto está previsto que se implante nos municipios de Cerceda, Ordes, Tordoia, Trazo, A Laracha, Coristanco, Carballo, Val do Dubra, As Somozas, Moeche, Neda, San Sadurniño, Abegondo, Mesía, Frades, Carral, A Pastoriza, Pol, Riotorto e Meira.
Nestes concellos formaranse grupos compostos por persoas en situación de soidade non desexada detectados desde os centros de atención primaria para desenvolver os obxectivos perseguidos.
Os grupos estarán dirixidos por persoal especializado para a realización de actividades de sesións de benestar emocional e fomentar as relacións veciñais e o acompañamento das persoas que vivan soas en situación de soidade non desexada.
Xunto ao anterior, levaranse a cabo charlas e obradoiros para traballar diferentes temáticas como o envellecemento activo o apoio social ou a abordaxe da soidade non desexada, ademais de sesións de actividade de ocio e tempo de lecer saudable.