Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe

Están activos os incendios de Maceda-Castro de Escuadro, no que foi desactivada a Situación 2 (arredor de 370 ha), de Chandrexa de Queixa-Requeixo (900 ha), da Estrada-Souto (20 ha) e de Vilariño de Conso-Mormentelos (arredor de 20 ha)

Está estabilizado un incendio no concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume (5 ha)

Están controlados o lume da Fonsagrada-Monteseiro (150) e o de Padrenda-Padrenda (40 ha)

Déronse por extinguidos os incendios de Ponteceso-Corme Aldea (76,11 ha) e Ponteceso-Brantuas (198,17 ha)

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe domingo.

A CORUÑA

Estabilizado Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque Natural das Fragas do Eume

Desde as 20.28 horas está estabilizado un incendio no concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Extinguido Ponteceso-Corme Aldea

Está extinguido, desde as 18.03 horas de hoxe domingo, o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se desactivou a Situación 2 na tarde do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas do martes e finalmente afectou un total de 76,11 hectáreas, das cales 21,52 corresponden a superficie arborada e 54,59 a rasa.

Para a súa extinción mobilizáronse en conxunto 7 técnicos, 26 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Ponteceso-Brantuas

Ás 15.09 horas de hoxe domingo tamén se deu por extinguido outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que afectou finalmente unha superficie total de 198,17 hectáreas, das cales 163,17 corresponden a monte arborado e as 35 restantes a raso. O lume comezou ás 20.30 horas do sábado 2 de agosto e para a súa extinción mobilizáronse en conxunto 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

LUGO

Controlado A Fonsagrada-Monteseiro

Está controlado desde as 14.42 horas de hoxe domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 55 axentes, 72 brigadas, 76 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.

OURENSE

Activo Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 17.30 horas de hoxe está activo un lume no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 1 helicóptero e 4 avións.

Activo Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2

Segue activo, desde as 23.19 horas de onte sábado, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 370 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada pola mañá a Situación 2, que fora declarada de madrugada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo

Continúa tamén activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 900 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 11 técnicos, 33 axentes, 55 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 11 avións.

Controlado Padrenda-Padrenda

Está controlado, desde as 22.03 horas de onte, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 7 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

PONTEVEDRA

Activo A Estrada-Souto

Activo desde as 12.37 horas de hoxe un incendio forestal no concello da Estrada, parroquia de Souto que, segundo as últimas estimacións provisionais, rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse 1 técnico, 5 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 10/08/2025