A Xunta licita por máis de 282.000 euros a obra de reforma do Hospital Naval de Ferrol para a creación da área infanto xuvenil

As empresas interesadas netas licitación teñen de prazo ata o nove de setembro para presentar as súas ofertas

O programa de necesidades que comprende esta segunda fase para completar a reforma total da ala de actuación contempla dous despachos de psiquiatra, 1 de psicólogo, 1 para enfermería, 2 para traballo social, 4 consultas, sala de espera e sala de control

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025

A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, a licitación, por valor de 282.960 euros, da obra de reforma da ala 1C do Hospital Naval dependente da Área Sanitaria de Ferrol para a creación da área infanto-xuvenil.

As empresas interesadas netas licitación teñen de prazo ata o nove de setembro para presentar as súas ofertas.

A solución adoptada realízase en 2 fases consecutivas, na fase 1 executáronse 9 despachos, sala de terapia, sala multiusos, comedor, sala de nenos, e apoios. Na fase 2 (obxecto deste proxecto) dótase de 10 despachos e apoios. Na zona central sitúanse os locais de apoio para que se poidan compartir facilmente.

Na separación entre os despachos de psicólogo coas áreas de terapia dispóñense biombos con persiana para poder realizar seguimento dos pacientes en caso de ser necesario.

O programa de necesidades que comprende esta segunda fase para completar a reforma total da ala de actuación contempla dous despachos de psiquiatra, 1 de psicólogo, 1 para enfermería, 2 para traballo social, 4 consultas, sala de espera e sala de control.

Nesta segunda fase se inclúen os despachos da fachada oeste, as consultas da zona central e os locais de apoio cunha superficie de actuación total de 343,70 m2.

As obras de reforma integral consisten, basicamente, en traballos de demolición da zona lindeira ao corredor, onde se situará o control e secretaría, traballos de redistribución de espazos de acordo ao programa funcional, abarcando tabiquerías, carpinterías interiores, carpinterías exteriores en fachada oeste, acabados e traballos vinculados á renovación completa de todas as redes de instalacións na zona de actuación.

Esta obra de reforma implicará que medre considerablemente a atención á saúde mental dos máis novos, destinando máis de 800 m2 ao proxecto.

Plan director

No pasado mes de abril a Xunta licitou por case 4 millóns de euros a redacción do proxecto e a dirección de obra da fase final do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

Ademais deste proxecto e a dirección das obras da fase final do Plan Director do CHUF, o contrato licitado tamén inclúe a elaboración do proxecto básico e de execución das obras previas que é necesario executar para enlazar axeitadamente a nova obra coa obra en execución da primeira fase do plan Director, así como para preparar o hospital para o desenvolvemento da fase final de forma compatible coa actividade asistencial.

O prazo de execución será de 52 meses, ao estenderse o servizo da dirección de obra a todo o período de execución dos traballos, ata que estean entregados e en servizo.

Previamente a estes proxectos, redactarase un anteproxecto que sirva de base para desenvolver o proxecto da Fase Final do Plan Director e o proxecto da fase previa, así como para realizar, no caso de que se precise, a tramitación urbanística da actuación.

O orzamento estimado das obras da fase final máis a fase previa do Hospital de Ferrol acada os 87 M€.

Data de actualización: 11/08/2025