Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe

Está declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia

Están activos os incendios de Maceda-Santiso (afecta arredor de 500 hectáreas), Chandrexa de Queixa-Requeixo (arredor de 3.000 ha), Cartelle-Anfeoz (arredor de 20 ha), A Mezquita-A Esculqueira (máis de 20 ha) e Samos-Santalla (arredor de 200 hectáreas)

Están estabilizados os lumes de Montederramo-Paredes (120 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Vilardevós-Moialde (40 ha) e Maceda-Castro de Escuadro (450 hectáreas)

Están controlados os incendios de Monfero-Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume (5 ha), A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), Verín-Mourazos (9 ha) e A Estrada-Souto (20 ha)

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe martes.

 A CORUÑA

Controlado Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque Natural das Fragas do Eume

Desde as 22.47 horas de onte luns está controlado o incendio do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que se iniciou ás 17.01 horas do domingo e que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 12 axentes, 17 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

LUGO

Activo Samos-Santalla

Está activo, desde as 23.27 horas de onte, un lume no concello de Samos, parroquia de Santalla que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 2 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas e 3 pas.

Controlado A Fonsagrada-Monteseiro

Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 60 axentes, 89 brigadas, 85 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

OURENSE

Está decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda-Santiso

Desde as 03.13 horas desta madrugada está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso, no que foi preciso declarar a Situación 2 como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Calveliño do Monte e Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 10 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 4 técnicos, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 6 avións.

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo

Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 3.000 hectáreas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 51 axentes, 79 brigadas, 40 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións. Tamén se incorporaron ás tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

 Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas de hoxe está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezqueita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 axentes, 3 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 4 avións.

Activo Cartelle-Anfeoz

Desde as 18.28 horas de onte está activo un lume no municipio de Cartelle, parroquia de Anfeoz que, segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 9 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 2 avións.

Estabilizado Vilardevós-Moialde

Está estabilizado desde as 10.02 de hoxe martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 16.05 horas de onte luns,  afecta arredor de 40 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 5 axentes,11 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

Estabilizado Montederramo-Paredes

Está estabilizado desde as 10.35 horas de hoxe o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou onte luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 5 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 5 avións.

Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 23.37 horas de onte luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro

Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19. Na tarde de onte luns houbo unha reactivación deste lume e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 27 axentes, 42 brigadas, 34 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas desta madruraga o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas de onte luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas  e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 6 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

PONTEVEDRA

Controlado A Estrada-Souto

Esta controlado desde as 11.50 horas de hoxe martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 18 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 12/08/2025