A Xunta saca a licitación as obras para completar o parque acuático de Monterrei por importe de case 1,9M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a contratación da construción da fase dúas, que se enmarca no convenio de colaboración asinado coa Deputación de Ourense para garantir o remate das instalacións

Crearase un espazo de esparexemento e relax, cun río lento e áreas de estar ou paseo no medio dunha gran zona verde

O investimento global da área deportiva e de lecer ascenderá a 13 millóns de euros, nove deles sufragados pola Administración autonómica

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025

A Xunta sacou a licitación a contratación da construción da fase dúas do parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, por un importe de case 1,9 millóns de euros, segundo recolle a Plataforma de contratos públicos de Galicia. A través destas obras completarase o equipamento lúdico e deportivo, ampliando a instalación cara ao nordés con novos vasos e elementos lúdico-deportivos. Prevese que a obra comece en decembro, cun prazo de execución de seis meses para que as novas instalacións estean en uso o vindeiro verán.

A fase dúas consiste na creación dun espazo de relax e esparexemento, coa construción dun río lento que envolve certas áreas de estar ou de paseo no medio dunha gran zona verde. Ao longo dese río lento, situaranse diferentes elementos, como chorros ou pontes, que en medio da vexetación farán máis dinámico e atractivo o percorrido.

Esta nova fase enmárcase no acordo asinado entre a Xunta e a Deputación de Ourense para garantir o remate do parque acuático de Monterrei, cun investimento de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial. Deste xeito, a fase licitada complementará as anteriores, situándose a carón da 1ª, 3ª e 4ª, e consolidará un gran complexo lúdico-deportivo que reúna nun mesmo centro a zona deportiva e a zona acuática lúdica e de relax para o uso público.

O orzamento global desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros, dos que nove foron sufragados pola Xunta. Convértese así nun amplo complexo lúdico-deportivo onde se integran dúas zonas diferenciadas e complementarias. Por unha banda, unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track, executada nunha fase previa cun investimento superior ao millón de euros, e, por outra, o parque acuático, do que financiou integramente a primeira fase con 7,8 millóns de euros para a construción do edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, área de tobogáns e piscinas.

Cómpre lembrar que o Complexo Deportivo de Monterrei comezou a campaña de verán de 2025 o pasado xuño e que se estenderá ata o 14 de setembro. Nestes días, as instalacións do parque acuático permanecerán abertas nun horario ininterrompido de 12,00 a 21,00 horas, todos os días da semana.

A campaña de 2024, no primeiro ano de funcionamento coa primeira fase completada e con apertura de xuño a setembro, o parque acuático recibiu preto de 100.000 persoas usuarias, o que pon de manifesto a importancia do complexo para a cidadanía da contorna e a atracción de visitantes tanto doutras áreas da provincia como do resto de Galicia e do norte de Portugal.

Data de actualización: 13/08/2025