A Xunta apoia novas iniciativas turísticas para coñecer o patrimonio e obradoiros artesanais da Mariña

Trabada (Lugo), 13 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia apoia unha nova edición das iniciativas “Plans con corazón” e “Obradoiros con corazón” que porá en marcha o xeodestino A Mariña Lucense desde a última semana de agosto; ambos proxectos foron presentados hoxe en Trabada nun acto que contou coa presencia da xefa da Área Provincial de Turismo da Delegación Territorial de Lugo, Paloma Vázquez.

“A Mariña. Plans con corazón” propón 16 rutas guiadas a pé para coñecer o patrimonio cultural e natural de cada un dos concellos da comarca; desenvolveranse fundamentalmente venres, sábados e domingos entre o 5 de setembro e o 12 de outubro. Pola súa banda, “A Mariña. Obradoiros con corazón” propón visitas a nove obradoiros durante a semana do 25 ao 30 de agosto, en grupos reducidos para poder participar da modalidade elixida e practicar coa cerámica, estampación, talla ou traballos con coiro e la, entre outras.

A Xunta impulsa esta e outras actividades que axudan a ampliar, diversificar e desestacionalizar a oferta turística da Mariña, tanto a través da colaboración co xeodestino como mediante o Plan de Sostibilidade Turística, no que inviste 1 millón de euros.

Data de actualización: 13/08/2025