Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe
Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia
Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa-Requeixo (4.500 ha), Chandrexa de Queixa-Parafita (1.800 ha), Maceda-Santiso (1.700), Oímbra-A Granxa (2.500), A Mezquita-A Esculqueira (2.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (20 ha) e Dozón-O Castro (400 ha)
Están estabilizados os lumes de Ourense-Seixalbo (100 ha), Maceda-Castro de Escuadro (450 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Moialde (40 ha)
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe mércores.
LUGO
CONTROLADOS
Controlado Samos-Santalla
Ás 20.28 horas de hoxe quedou controlado o lume do concello de Samos, parroquia de Santalla, que se iniciou o luns ás 23.27 e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 17 axentes, 33 brigadas, 37 motobombas, 5 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 66 axentes, 90 brigadas, 93 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Permanece activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 16 técnicos, 60 axentes, 95 brigadas, 51 motobombas, 10 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Chandrexa de Queixa-Parafita
Segue tamén activo o incendio forestal do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parafita, que se iniciou ás 17.45 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 1.800 hectáreas, parte delas no limítrofe municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 8 técnicos, 22 axentes, 22 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda-Santiso
Desde as 03.13 horas de onte martes está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 1.700 hectáreas, parte delas no veciño concello de Montederramo. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 27 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, desde as 18.09 horas e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 1 helicóptero e 1 avión.
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 2.500 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 22 axentes, 32 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 2 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 5 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas de onte martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 11 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas de hoxe está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas de onte martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 11 axentes, 15 brigadas, 9 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro
Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 32 axentes, 54 brigadas, 38 motobombas, 6 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 23.37 horas do luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Moialde
Continúa estabilizado desde as 10.02 de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, este lume, que se iniciou ás 16.05 horas do luns, afecta arredor de 40 hectáreas e polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 10 axentes, 16 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 6 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
PONTEVEDRA
ACTIVOS
Activo Dozón-O Castro
Desde as 14.32 horas de onte martes está activo o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada este mediodía. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 4 técnicos, 10 axentes, 22 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado A Estrada-Souto
Esta controlado desde as 12.10 horas de onte martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 13 axentes, 23 brigadas, 24 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Logo dunhas primeiras horas da tarde nas que se chegou a non ter ningunha poboación confinada, arestora, no 112 Galicia constan un total de 12 veciños de Vilariño da Serra (Viana do Bolo) que tiveron que confinarse nas súas vivendas. Do mesmo xeito 25 persoas dunha residencia en Chandrexa de Queixa foron trasladadas por precaución, e tamén foron evacuadas dúas persoas de Albarellos (Monterrei).
No Canizo, no municipio da Gudiña, tamén se levou a cabo un confinamento do pobo, duns 300 habitantes, aínda que nestes momentos xa foi posible o desconfinamento deste núcleo de poboación.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.