O presidente da Xunta visitou a sede do distrito forestal XIV de Verín-Viana que está a sufrir os efectos dos incendios

Rueda destaca a coordinación entre todos os medios para a loita contra os lumes

Agradeceu o traballo feito durante todos estes días por parte do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais galegos, das Forzas e corpos de seguridade do Estado, voluntarios de Protección Civil, UME, brigadas municipais e bombeiros dos consorcios provinciais e cidades

Comunicou a presenza de máis de 30 medios aéreos e case 1000 persoas traballando contra os lumes en Ourense

Informou da actividade por parte do grupo de investigación da Garda Civil para inspeccionar a autoría dos incendios

Verín (Ourense), 14 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a sede do distrito forestal XIV de Verín-Viana, unha área que nas últimas horas sufriu con especial intensidade os efectos do lume. Na súa intervención, destacou a coordinación entre todos os medios para a loita contra os lumes.

Onte declarábase un lume máis no concello de Larouco, que se engade aos que estaban activos xa na provincia, facendo un total de sete e que centran a atención dos dispositivos.

Rueda falou cos profesionais do distrito e saudou aos membros doutras provincias que están a prestar a súa axuda. “Moitos deles veñen voluntariamente e o agradecemos moitísimo, o mesmo que a todos os que levan traballado durante todos estes días: Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais galegos Forzas e corpos de seguridade do Estado, voluntarios de Protección Civil, UME, brigadas municipais, bombeiros dos consorcios provinciais e cidades.”, salientou.

O presidente da Xunta informou de que agora mesmo hai máis de 30 medios aéreos e case 1000 persoas traballando nos lumes da provincia de Ourense. Ademais, “xa están traballando os dous hidroavións chegados desde Francia e polo tanto queremos facer un especial agradecemento ao Goberno francés por ese envío”, subliñou.

Asimesmo, referiuse á situación dos lumes no resto de España, xa que “a situación está sendo moi complicada en moitas Comunidades Autónomas, pero aquí tamén. Todos os medios que poidan vir a Galicia neste momento son moi necesarios”, declarou.

Ao remate, Rueda informou do grupo de investigación da Garda Civil que está inspeccionando a autoría dos incendios que se están producindo estes días e cuxo traballo é fundamental. “En moitos dos incendios está detrás a man do home” e “desde logo que faremos todo o posible para dar cos culpables”, finalizou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2025