A Xunta licita por 462.000 € o servizo de apoio a Augas de Galicia no control da adaptación de presas, encoros e balsas ás novas normas técnicas de seguridade
As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 15 de setembro para presentar as súas ofertas e o labor da adxudicataria consistirá na supervisión da documentación relativa ao estado destas instalacións e á realización das correspondentes inspeccións neste eido
O contrato conta cun prazo de execución de 24 meses, prorrogable por ata un máximo de 36 meses adicionais, polo que o valor estimado da licitación supera os 1,1 millóns de euros, IVE incluído
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia licitou por 462.000 euros o contrato de servizo de apoio a Augas de Galicia nas súas tarefas de control da adaptación das presas, encoros e balsas -por parte dos seus respectivos titulares- ás últimas normas técnicas de seguridade deste tipo infraestruturas aprobadas a nivel nacional. Este labor implica a supervisión da documentación relativa á seguridade destas instalacións e a realización das correspondentes visitas de inspección.
As empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata o vindeiro 15 de setembro para presentar as súas ofertas e a que resulte adxudicataria deberá realizar distintos traballos como a supervisión dos documentos de clasificación de presas, encoros e balsas así como dos informes de adecuación ás normas técnicas de seguridade e ás novas condicións augas abaixo segundo os últimos cambios normativos aprobados polo Goberno central neste eido.
Entre as tarefas a desenvolver pola firma que preste o servizo tamén estará facer un seguimento dos proxectos que os titulares desenvolvan en relación coas presas, encoros e balsas, ao igual que a inspección das correspondentes obras, e deberá revisar os documentos de normas de explotación destas infraestruturas e as súas posibles modificacións para adecualas ás novas exixencias lexislativas en materia de seguridade.
Outras das actividades incluídas no contrato son a supervisión dos documentos de plans de emerxencia destas instalacións e as súas revisións, así como a realización dun seguimento sobre a súa implantación, e a avaliación dos informes que se realicen sobre as revisións xerais de seguridade e dos informes periódicos de comportamento e funcionamento das presas, encoros e balsas.
A empresa adxudicataria tamén deberá encargarse de realizar inspeccións de seguridade destas infraestruturas, dar apoio técnico ás Comisións de Desaugamento de Encoros de Augas de Galicia, a actualización do Rexistro de Seguridade de Presas, Encoros e Balsas competencia do Executivo galego, a asistencia na prevención de riscos laborais e coordinación de actividades empresariais para os traballos de explotación, conservación e mantemento das presas de titularidade autonómica e o apoio técnico na supervisión e tratamento dos datos de explotación de presas e encoros recibidos dos concesionarios ou explotadores desas instalacións hidráulicas.
O contrato, cun prazo de execución trala súa formalización de 24 meses, é prorrogable por ata un máximo de 36 meses adicionais, o que eleva o valor estimado da licitación por enriba dos 1,1 millóns de euros, IVE incluído.