Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21.00 h. de hoxe
Permanece declarada a Situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia
Están activos os incendios de Agolada-O Sexo (desactivada Situación 2 e 400 ha), Chandrexa de Queixa e Vilariño (son un único incendio con máis de 17.000 ha afectadas), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro uníronse con 3.000 ha), Oímbra-A Granxa (11.000), A Mezquita-A Esculqueira (9.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (800 ha), Vilardevós-Moialde (500), Vilardevós-Fumaces e A Trepa (100), Larouco-Seadur (4.000 ha), Xinzo de Limia-Gudín (150 ha), Carballeda de Avia-Vilar de Condes (1.000 ha), Beade-As Regadas (100 ha), Cervantes-Vilarello (50 ha) e O Saviñao-Chave (20 ha)
Están estabilizados os lumes de Muxía-Nosa Señora da O (23 ha), Toques (300 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Dozón-O Castro (400 ha)
Permanecen controlados A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), Verín-Mourazos (9 ha) e A Estrada-Souto (20 ha)
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 21.00 horas de hoxe sábado.
A CORUÑA
ESTABILIZADOS
Estabilizado o Muxía-Nosa Señora da O
Está estabilizado as 14.01 horas de hoxe o lume iniciado á 13.13 horas de onte venres na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 13 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas e 1 helicóptero.
Estabilizado Toques-San Martiño de Oleiros. Desactivada Situación 2
Ás 23.58 horas de onte quedou estabilizado o lume iniciado ás 18.49 horas deste xoves no concello coruñés de Toques, parroquia de San Martiño de Oleiros. Neste lume, que segundo as últimas estimacións rolda as 300 hectáreas de superficie afectada, desactivouse na pasada madrugada a Situación 2 adoptada como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Penagundín, no concello limítrofe de Melide. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado, 3 técnicos, 13 axentes, 28 brigadas, 27 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
LUGO
ACTIVOS
Activo O Saviñao-Chave
Está activo desde as 15.00 horas un incendio forestal no concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
Activo Cervantes-Vilarello
Está activo desde as 05.27 horas de hoxe un incendio forestal no concello lucense de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
CONTROLADOS
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 73 axentes, 98 brigadas, 102 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 129 axentes, 150 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 88 axentes, 129 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 11.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 51 axentes, 66 brigadas, 48 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 26 axentes, 25 brigadas, 25 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 800 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 15 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 20 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións.
Activo Vilardevós-Fumaces e A Trepa
Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e A Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 4.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 14 técnicos, 52 axentes, 69 brigadas, 56 motobombas, 7 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes
Está activo desde as 16:38 horas de onte o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.000 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 13 axentes, 21 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 4 avións..
Activo Beade-As Regadas
Activo desde as 18:16 horas de onte venres o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.
Activo Xinzo de Limia-Gudín
Está activo desde onte ás 17.22 horas un incendio no concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Gudín, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 150 hectáreas e está pendente dunha nova actualización de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
PONTEVEDRA
ACTIVOS
Activo Agolada-O Sexo. Desactivada Situación 2
Ás 13.26 horas de onte venres iniciouse o incendio forestal no concello de Agolada, parroquia do Sexo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume vénse de desactivar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 24 motobombas, 2 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Dozón-O Castro
Desde as 21.47 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14.32 horas e que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 4 técnicos, 17 axentes, 30 brigadas, 40 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado A Estrada-Souto
Esta controlado desde as 12.10 horas do martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 20 axentes, 31 brigadas, 35 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicóptero e 3 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior emitiu no día de onte o ES-Alert polos incendios forestais na provincia de Ourense, a modo preventivo e con indicacións para garantir a seguridade ante o avance dos lumes.
A alerta foi enviada aos seguintes concellos: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá, ademais de Carballeda de Avia, Leiro, Avión e Beade.
No día de hoxe, as medidas de protección emitidas a través do ES-Alert foron enviadas aos seguintes concellos: Baltar, Os Blancos, Xinzo, Trasmiras, Cualedro, Monterrei, Verín, Laza, Oímbra, Riós, A Gudiña, A Mezquita e Vilardevós. Igualmente, debido á proximidade, a mensaxe puido chegar a móbiles que se atoparan en concellos limítrofes.