Rueda detalla o paquete de axudas da Xunta que se aprobará a semana que vén para os afectados polos incendios

Recalcou que en canto estean controlados os lumes, tocará cuantificar os danos para de inmediato resarcir aos damnificados

Sinalou que as axudas poderán estenderse entre outros a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e para o arranxo das vivendas afectadas

Incidiu que os medios enviados polo Estado non son suficientes

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe para dar conta do avance na configuración das axudas que se aprobarán a semana que vén para facer fronte aos danos provocados polos lumes forestais, especialmente na provincia de Ourense.

Nesta liña, o titular do Executivo galego sinalou que en canto estean controlados os lumes, tocará cuantificar os danos para de inmediato resarcir aos damnificados para que recuperen todo o que perderon. Por iso, desde a Goberno galego convocarase un Consello extraordinario en Ourense para aprobar a configuración das axudas e solicitarase ao resto de Administracións, tanto locais como estatal, que se involucren na recuperación dos danos.

Rueda recalcou que os apoios dirixiranse aos afectados para paliar os danos que sufriron, e poderán estenderse entre outros a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e para o arranxo das vivendas afectadas, ademais de axudar co aloxamento provisional ás persoas afectadas.

Despois de facer o balance da situación actual dos lumes, o presidente comunicou os medios incorporados polo Estado ao dispositivo nas últimas horas:

  • Arredor de 200 militares para prestar apoio ao traballo que efectúa a Garda Civil, así como outros 58 da operación centinela
  • 4 operadores de máquinas para traballar como cortalumes
  • 3 buldozers previstos para que cheguen hoxe
  • Distinto material de intendencia, como camións, autobuses e grupos electróxenos

Nesta liña, Rueda agradeceu o envío de medios por parte do Estado, pero incidiu que non son suficientes e que se precisan máis medios dispoñibles de inmediato e sen máis dilacións, especialmente maquinaria pesada e medios aéreos. Ademais, o titular do Executivo galego recalcou que que os únicos recursos que Galicia albergou estes días procedentes de Fondo de Solidariedade Europea foron dous hidroavións FOCA desde Francia e que agora mesmo non hai ningún outro medio procedente dun país europeo traballando na nosa comunidade.

Por outra banda, o presidente aproveitou para agradecer o esforzo e o traballo de todas as persoas que levan traballando sen descanso na extinción dos lumes.

En canto as comunicacións, o presidente indicou que nas vindeiras horas está previsto que se tome unha decisión sobre o restablecemento das conexións ferroviarias entre Galicia e a Meseta.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2025