O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Resultaron admitidos neste procedemento 13.126 aspirantes

Tamén se publican as listas para nomeamentos temporais en postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación provisional coa orde de prelación e as puntuacións obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario.

O total de aspirantes admitidos foi de 13.126, nas categorías de albanel, bibliotecario, calefactor, carpinteiro, condutor, costureiro, electricista, enxeñeiro superior biomédico, enxeñeiro técnico, fontaneiro, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, perruqueiro, técnico de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior en prevención de riscos laborais, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior en ciencias da información e telefonista.

Tamén se publican no Diario Oficial de Galicia as listas para nomeamentos temporais en postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), nos colectivos profesionais de: clase inspector médico, de inspector farmacéutico, de farmacéutico inspector de saúde pública, lista xeral de licenciado sanitario (en Medicina e Cirurxía, en Farmacia, en Ciencias Químicas, en Ciencias Biolóxicas e en Psicoloxía), de subinspector sanitario e de Diplomado Universitario en Enfermería.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 3 de setembro.

Data de actualización: 20/08/2025