A Xunta incrementa as bolsas de mobilidade para realizar prácticas de FP en Galicia e outras comunidades e países
A convocatoria cobre os gastos para formacións desenvolvidas entre outubro de 2024 e decembro de 2025, con distintos prazos de solicitude en función dos casos
A contía máxima da axuda acada os 375 € para aqueles estudantes que levan a cabo as súas prácticas dentro da nosa Comunidade e fóra do seu concello
O alumnado de FP Dual Intensiva no estranxeiro pode recibir ata 1.500 €
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre o prazo para que o alumnado de Formación Profesional que necesite desprazarse para realizar prácticas solicite bolsas. Destas axudas pódense beneficiar tanto estudantes de ciclos ordinarios como de FP Dual Intensiva que realizaran xa ou vaian facer prácticas no período de outubro de 2024 a decembro de 2025.
A Xunta destina a esta medida 1 M€, o que supón un incremento de 100.000€ respecto á convocatoria do pasado ano, co fin de compensar ao alumnado os gastos extraordinarios derivados da realización destas actividades formativas, que se poden desenvolver en empresas dentro de Galicia, pero tamén no resto de España e mesmo noutros países. O prazo de solicitudes e as bases poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.
Enmarcada na Estratexia FP Galicia 2030, esta liña de axudas procura un dobre obxectivo: a mellora tanto das competencias profesionais como do nivel lingüístico nun idioma estranxeiro no caso de persoas que optan por realizar este período fóra de España, así como contribuír economicamente a que poidan desenvolver esta experiencia académica.
Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado que estea cursando ou rematase no 24/25 o último curso dun ciclo de grao básico, medio ou superior, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo de FP Dual Intensiva. En todos os casos, os estudantes deberán rematar o período de formación práctica antes do 31 de decembro deste ano.
Modalidades en función do destino
Existen dúas modalidades destas axudas en función dos destinatarios. Na modalidade A, dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas e o número de xornadas. O alumnado que faga esta formación en Galicia ou noutra comunidade recibirá ata un máximo de 375 euros, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante nese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) ou, no caso da FP Dual Intensiva, do número de xornadas de permanencia na empresa.
Na modalidade B, destinada aos que realizan a formación no estranxeiro, a contía das axudas variará en función do país de destino e das semanas de estadía, cun máximo de 1.500 euros no caso de alumnado que curse FP Dual Intensiva. Aos estudantes que realicen esta formación fóra de España e dispoñan dunha axuda para a mesma finalidade, que non lle financie totalmente o período de realización desta, concederáselle o 50% da bolsa.
Períodos de solicitude das axudas
Os interesados deberán tramitar as axudas no seu centro educativo e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles, aberto ata o 10 de setembro, diríxese a quen xa realizase a formación nos períodos de outubro de 2024 a marzo de 2025 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2025, así como ao alumnado de FP Dual Intensiva.
O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2025, será para o alumnado de ciclos formativos ao que lle corresponda realizar as prácticas no período de setembro-decembro 2025 e que as rematen antes do 31 de decembro. Aqueles que teñan horario flexible con autorización do departamento correspondente de Educación e rematen despois do 31 de decembro de 2025 acolleranse á vindeira convocatoria de axudas.