O presidente da Xunta visitou os viñedos da Adega Tapias Mariñán, en Verín

Rueda sinala a necesidade de manter a presenza cando menos do Exército durante a fin de semana para axudar en labores de contención e recanalización

Destaca que, se ben na provincia de Ourense a situación evoluciona favorablemente, non se pode baixar a garda

Sinala que a Xunta está a avaliar a extensión afectada en zonas vitivinícolas e a reunirse coas Denominacións de Orixe

Lembra que as axudas que se aprobarán no Consello extraordinario da semana que vén pagaranse coa maior celeridade posible

Verín (Ourense), 22 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalou hoxe a necesidade de manter cando menos a presenza do Exército na nosa comunidade durante a fin de semana para axudar en labores de contención e recanalización.

Na súa visita aos viñedos da Adega Tapias Mariñán afectados polo lume, en Verín, o titular do Goberno galego destacou que, se ben na provincia de Ourense a situación está “evolucionando de xeito positivo”, non se pode “baixar a garda” e que “seguimos necesitando axuda".

Neste sentido, Rueda agradeceu a presencia do Exército no terreo e sinalou que, segundo as recomendacións dos técnicos do CECOP, antes da desescalada de medios dedicados a combater os lumes, sería axeitada a presenza cando menos do Exército tamén durante a fin de semana dadas as previsións meteorolóxicas e para axudar en labores de contención e recanalización antes das chuvias da vindeira semana, algo que están a demandar os concellos.

O presidente tamén se referiu ao impacto das lapas en zonas vitivinícolas “a poucos días da vendima”, xa que nalgúns casos serviron de cortalumes pero noutros “non foi posible salvalos”, e sinalou que a Xunta está a avaliar a extensión afectada e a reunirse coas Denominacións de Orixe.

Neste eido, o titular do Executivo galego indicou que, ao igual que en todas as zonas afectadas, veranse beneficiados polas axudas que se lanzarán a semana que vén despois da realización dun Consello extraordinario en Ourense, previa avaliación da situación global das rexións e persoas damnificadas. Tal e como destacou Rueda, buscarase “poder pagalas canto antes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2025